Comezou o IX Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo

O vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, presidiu este xoves o acto de inauguración do IX Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo que celebra na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) co lema ‘Desafíos e solucións dende a Orientación Profesional para a certificación da competencia profesional’. Á apertura asistiu ademais o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez. Con anterioridade, o profesor da Autónoma de Barcelona José Tejada pronunciou a conferencia ‘As aprendizaxes non formais e informais: recoñecemento e certificación en Europa’.
Na xornada da mañá tivo lugar un panel de experiencias sobre recoñecemento e acreditación de aprendizaxes non formais dende a perspectiva sectorial no que interviñeron representantes da Fundación Laboral da Construción, do Centro de Rehabilitación Profesional de Gaia, do Centro de Formación Profesional da Industria da Construción Civil e Obras Públicas do Norte de Portugal e da Universidade Complutense de Madrid. O programa desta primeira sesión complétase coa intervención de Francisca María Arbizu Echávarri, do Instituto Nacional de Cualificacións de España, titulada ‘Europa ante a avaliación da competencia profesional: modelo francés e inglés’.
Programa do venresO programa previsto para o venres 26 comeza cun panel sobre ‘Experiencias de recoñecemento e certificación en España: País Vasco e Galicia’, no que intervirán expertos da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia, da Axencia Vasca para a Avaliación da Competencia e a Calidade da Formación Profesional e da subdirección xeral de Cualificacións da Consellaría de Traballo da Xunta de Galicia.
Pola tarde comezará unha mesa redonda sobre ‘Procesos de recoñecemento e certificación en Portugal: O funcionamento das administracións, as diversas experiencias vixentes e a organización das mesmas’ ao que lle seguirá a conferencia de clausura do congreso na que Guillermo Bernabeu, da Asesoría Xeral de Universidades do Ministerio de Educación, analizará as competencias dos graduados no novo marco europeo’.