Comezou en Lugo o X Festival de Teatro Grecolatino
O décimo Festival de Teatro Grecolatino de Lugo arrancou este luns no Auditorio Gustavo Freire coa participación duns 800 estudantes de Secundaria e Bacharelato de diferentes centros de ensino de Galicia e Castela e León, que gozaron da posta en escea da traxedia ‘Electra’ de Sófocles a cargo do Grupo Párodos formado por alumnado do IES Siberia Extremeña de Badaxoz.
Ata o vindeiro mércores, máis de 4.500 alumnos e alumnas dun cento de centros das catro provincias galegas, León, Zamora e Valladolid poderán gozar das seis pezas clásicas que o Grupo Párodos de Badaxoz e o Grupo Parrocha-Herdeiros de Sardiña da Coruña levarán ás táboas ás 12:00 e ás 17:00 horas. Este martes porase en escea ‘Asamblea de mujeres’ e ‘Troyanas’; e o mércores ‘Troyanas’ e ‘Gemelos’.
Festival de Teatro GrecolatinoA organización deste festival corre a cargo da Sección Galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEEC), presidida por Cecilia Criado e formada por profesores do Departamento de Latín e Grego da USC e por profesores de Linguas e Cultura Clásica de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia. Nesta ocasión, os profesores María Teresa Amado e José Ricardo Martín Fernández encárganse de coordinar as actividades.
O Festival de Teatro Grecolatino forma parte da rede de festivais xuvenís integrados na Federación Prósopon, á que tamén pertencen Mérida, Itálica, Sagunto, Baello Claudia, Tarragona, Illas Baleares, País Vasco, Clunia Sulpicia e Zaragoza. Nos últimos dez anos, a labor de Prósopon e da SEEC-Galicia permitiu a máis de 30.000 mozos e mozas achegarse ao teatro en Lugo e a uns 600.000 no conxunto das sedes españolas, o que a converte na actividade educativa con maior participación de España.