Comezou en Santiago o primeiro congreso internacional sobre políticas e prácticas universitarias

O I Congreso Internacional sobre ‘ Coñecemento, tecnoloxías e ensinanza: políticas e prácticas universitarias’ iniciou este mércores 6 o seu programa cunha sesión no Centro Galego de Arte Contemporánea que presidiu o reitor Juan Casares coa presenza do decano de Ciencias da Educación, Lois Ferradás, e da coordinadora do encontro, a profesora Adriana Gewerc. Esta é unha iniciativa organizada pola USC e a Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina) que posibilita o debate, por e para universitarios, sobre algúns dos problemas contemporáneos das universidades.
Nesta primeira sesión interviñeron o profesor emérito do Instituto de Educación da Universidade de Londres, Michael Young; o investigador no Consello Nacional de Investigación de Canadá, Stephen Downes e a investigador e profesora da Universidade de Bos Aires, Marcela Mollis Ata o vindeiro venres 8, o programa a desenvolver encádrase no contexto do proxecto de cooperación ‘Universidade na sociedade do coñecemento. Fortalecemento institucional de áreas dedicadas á ensinanza universitaria con novas tencoloxías’ que desenvolven a USC e a Nacional de Córdoba e forma parte da Rede Unisic (Universidade e Sociedade da Información e o Coñecemento) dende 2006 coa apoio da AECID. Este congreso buscará establecer un debate que permita identificar as voces da universidade pública ante o conxunto de demandas cruzadas procedentes dos diferentes organismos e axencias nacionais e internacionais. A intención da organización é reflexionar sobre as relacións entre as políticas e as prácticas nas universidades, nas economías e sociedades da información e o coñecemento, poñendo o foco en cómo afectan aos procesos de ensino e aprendizaxe. Os temas arredor dos xirará o programa deseñado son políticas de coñecemento nas universidades e novos procesos de produción, distribución e difusión do coñecemento; transformacións organizacionais, institucionais e tecnolóxicas nas universidades; perspectivas, tensións e tendencias no traballo docente universitario; experiencias e tendencias en dispositivos e contornos na ensinanza superior contemporánea; estudantes, prácticas de estudo e socialización; e límites e oportunidades das redes de universidades e a cooperación.