Ir o contido principal

Comezou na USC o XIV Encontro de Latinoamericanistas Españois

Comezou na USC o XIV Encontro de Latinoamericanistas Españois
Comezou na USC o XIV Encontro de Latinoamericanistas Españois

O XIV Encontro de Latinoamericanistas Españois, a reunión bianual do Consello Español de Estudos Iberoamericanos (CEEIB) que reúne a máis de trescentos especialistas procedentes de 22 países, inaugurouse este mércores no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto presidido polo reitor Juan Casares. Nese acto participaron ademais a presidenta do CIEAM e do comité organizador, a profesora da USC Pilar Cagiao, a presidenta do CEEIB, Elda González, e o director académico da Fundación Carolina, Alfredo Moreno Cebrián. O profesor da Universidade de California Fernando López-Alves foi o encargado de pronunciar a conferencia de apertura ‘A nación na urbe posneoliberal en América Latina: Bos Aires, Montevideo, Lima’. Organizado polo Centro Interdisciplinario de Estudios Americanistas Gumersindo Busto ( CIEAM ) da USC, o Departamento de Historia Contemporánea e de América e o CEEIB, o encontro a celebrar simultaneamente nas Facultades de Xeografía e Historia e de Filosofía preséntase baixo o epígrafe ‘200 años de Iberoamérica (1810-2010)’ en conmemoración do Bicentenario das Independencias. Debate multidisciplinar O encontro, que conta con vinte áreas temáticas, formúlase como un espazo de reflexión e debate científico sobre o mundo iberoamericano desde os máis variados enfoques disciplinares tomando como eixes da discusión tres momentos cronolóxicos fundamentais: o tempo das independencias, os anos das primeiras conmemoracións centenarias e a actualidade. Deste xeito, as independencias, os movementos migratorios, as mobilizacións socio-políticas, o indixenismo ou o desenvolvemento económico son algúns dos aspectos arredor dos que xirarán as comunicacións. Este é o décimo cuarto encontro dunha tradición nacida en 1988 no seno do CEEIB, pasando a converterse nunha das principais actividades da institución. A partir do tecido de relacións xerado coas organizacións, asociacións e universidades de América Latina, este congreso é xa un espazo aberto de encontro para o seguimento das novas realidades iberoamericanas. Exposición Paralelamente, a Biblioteca América acolle a exposición ‘As independencias e os centenarios na Biblioteca América da USC’ que, comisariada por Pilar Cagiao, recolle unha mostra representativa dos fondos bibliográficos, numismáticos e medallísticos da Biblioteca en relación á conmemoración do Bicentenario das Independencias en Latinoamérica (1810-2010). Na actualidade, os fondos da Biblioteca relativos ás independencias e ás celebracións dos seus Centenarios sitúanse case nos 1.000 rexistros entre monografías, folletos e documentos orixinais impresos. Os editados entre 1810 e 1830 -o período das Independencias- son posiblemente os máis interesantes tanto pola súa antigüidade como pola súa singularidade. Ademais, entre as diversas coleccións de obxectos culturais da Biblioteca América destaca unha espléndida colección de moedas e medallas americanas. Delas, máis dun centenar e medio están relacionadas coas celebracións do Centenario, e incluso algunhas son da propia época das Independencias -homenaxes aos heroes ou os acontecementos de Perú, Bolivia, México e Arxentina- ou posteriores, pero relacionadas con eses procesos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.09.2010.