Ir o contido principal

A Comisión Científica Externa do iMATUS subliña o amplo abano e potencial das súas liñas de investigación

O iMATUS creouse o 29 de decembro de 2020, a partir dos logros alcanzados pola Agrupación Estratéxica en Materiais (AeMAT). FOTO: Santi Alvite
O iMATUS creouse o 29 de decembro de 2020, a partir dos logros alcanzados pola Agrupación Estratéxica en Materiais (AeMAT). FOTO: Santi Alvite
A calidade do seu persoal investigador foi outra das cuestións destacadas pola comisión
Santiago de Compostela

O amplo abano e potencial das súas liñas de investigación ou a calidade do seu persoal investigador foron algunhas das cuestións subliñadas pola Comisión Científica Externa que acaba de visitar as instalacións do Instituto de Materiais da USC (iMATUS). “Animáronnos a seguir fomentando a interrelación do persoal investigador para crear unha atmosfera de colaboración interdisciplinaria; aumentar a colaboración con outros centros estatais e estranxeiros, e potenciar intercambios que contribúan á formación e á visibilización”, afirmou a directora do centro e catedrática da USC, Carmen Álvarez. Dar pulo á valorización e transferencia ao sector produtivo intensificando as reunións co sector empresarial foi outra das cuestións abordadas por este órgano asesor.

A Comisión Científica Externa conta entre as súas funcións a de asesorar á directora, Carmen Alvarez Lorenzo, e á xunta de goberno sobre aspectos relacionados co funcionamento do Instituto e a súa axenda científica, alén de avaliar a actividade do instituto e do seu persoal. Esta comisión está constituída por cinco investigadores de prestixio internacional: Amaya Igartua de TEKNIKER, co secretaria da European Materials Platform (EUMAT); Rosa Menéndez do Instituto Nacional do Carbón e que foi a primeira muller en presidir o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); Orlando Rojas da University of British Columbia, da Canada Excellence Research e director científico do Bioproducts Institute; Eduardo Saiz Gutiérrez, do Imperial College London; e Ramón Torrecillas San Millán, ex director do Centro de Investigación en Nanomateriais e Nanotecnoloxía (CINN) e director da fundación CSIC.

Puntos fortes

Durante a súa visita, os membros da Comisión Científica Externa puideron coñecer de primeira man as actividades desenvolvidas polo iMATUS durante o ano 2022, percorrer as súas instalacións, e debater co persoal do instituto a axenda científica para os próximos anos. A comisión salientou a calidade científica dos investigadores principais do centro que contribúen a que, aínda atopándose o centro nun estadio inicial de desenvolvemento (menos de dous anos dende a súa creación), o iMATUS ocupe unha posición competitiva con respecto aos seus homólogos consolidados no ámbito da USC, España e Europa.

O amplo abano de liñas de investigación, ben enmarcadas nas tendencias actuais da ciencia de materiais e as demandas europeas de materiais avanzados sostibles, e cun amplo potencial de complementariedade, foi outro dos puntos fortes destacados pola comisión xunto coa capacidade das e dos investigadores para abordar formulacións teóricas e chegar do material ao dispositivo. A comisión tamén puxo o foco na calidade do equipamento dispoñible.

Polo de atracción

O iMATUS creouse o 29 de decembro de 2020, a partir dos logros alcanzados pola Agrupación Estratéxica en Materiais (AeMAT) durante os seus tres anos de actividade, e da ampla experiencia en transferencia de tecnoloxía ao sector industrial do antigo Instituto de Cerámica. En iMATUS intégranse máis de 50 investigadores principais con experiencia en ámbitos como a Física, Química, Farmacia, Enxeñería e Bioloxía e con traxectoria probada na área de Ciencia e Tecnoloxía de Materiais.

Converterse nun polo de atracción de investigadores destacados no campo dos materiais, que poidan impulsar de maneira colaborativa a formación de mozos/as investigadores/as e a transferencia de coñecemento en beneficio da ciencia, a actividade produtiva e a sociedade en xeral é o horizonte que persegue este centro da USC. O iMATUS aspira a ser un centro de investigación de referencia internacional no campo dos materiais coa vontade de facer ciencia interdisciplinaria de excelencia e ter un impacto científico e socioeconómico nas áreas dos materiais aplicados á saúde, a industria, as tecnoloxías emerxentes, o medio ambiente e a enerxía, apoiándose no ecosistema de I+D+i con que conta Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.11.2022.