Ir o contido principal

Unha comisión europea avalía a Facultade de Veterinaria para renovar a acreditación obtida en 2000

A Facultade de Veterinaria de Lugo someterase dende este martes 8 ata o venres 11 ao proceso de avaliación europea por parte da Asociación Europea de Establecementos de Ensino de Veterinaria (EAEVE) para renovar a acreditación coa que contan dende o ano 2000. O traballo que levarán a cabo os seis expertos consistirá en visitas ás actividades docentes e ás prácticas de materias e entrevistas coa comunidade universitaria.
A comisión, que chega esta noite a Lugo, está presidida polo profesor alemán Robin Oakley e conta con distintos especialistas de diferentes países. Un italiano revisará a área de Ciencias Básicas, un grego a de Produción animal, un noruego a de Seguridade alimentaria e un francés e un inglés analizarán as Ciencias clínicas. Ademais, dous profesores actuarán como enlaces nesta revisión, a profesora da Facultade luguesa Patricia Fernández e o decano da Facultade cordobesa, Librado Carrasco.
A avaliación europea da EAEVE realízase cada dez anos. Aínda que a acreditación foi obtida pola Facultade luguesa en 2000 a análise de parámetros foi realizada en 1998, razón pola que a comisión europea visita a Facultade este ano. Como se trata dunha revisión, o equipo directivo de Veterinaria recibirá os resultados oficiais no prazo de dous meses.
Mentres, a comisión desprazada en Lugo lerá as conclusións preliminares o venres 11, ás 11:00 horas, no Salón de Xuntas da Facultade, en presenza do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro.
Por outra banda, a dirección do centro manifestou a ”gran motivación que ten toda a comunidade universitaria por cooperar e apoiar esta revisión, tanto profesores, como persoal administrativo e alumnado”.
Só tres facultades de Veterinaria españolas contan con esta acreditación Europea ademais da luguesa, que son as de Madrid, Barcelona e Murcia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2008.