Ir o contido principal

Unha comisión interdisciplinar preparará o próximo curso universitario

Os centros que participen serán a imaxe dunha universidade renovada. FOTO: Santi Alvite
Os centros que participen serán a imaxe dunha universidade renovada. FOTO: Santi Alvite
A través do plan integral de reforzo á docencia que abordará este grupo de traballo podería promoverse o cambio á docencia mixta
Lugo, Santiago de Compostela

Unha comisión interdisciplinar será a encargada de preparar o próximo ano académico na universidade galega e abordar un plan integral de reforzo á docencia para o curso 2020-21. O grupo de traballo contará con representación de USC, UVigo e UDC, así como do Sergas, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), e da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).

A través deste plan integral de reforzo á docencia podería promoverse o cambio á docencia mixta ou blended learning para un conxunto de centros. Isto suporía a modificación estrutural das metodoloxías docentes, da formación do profesorado ou a potenciación definitiva das avaliacións continuas, entre outros temas. A idea é que as tres universidades galegas presenten arredor de finais de maio os centros ou facultades interesados en entrar a formar parte deste programa, pioneiro na universidade galega e española. Tanto as titulacións que impartan como os propios centros recibirían selos de seguridade sanitaria e de centros de innovación educativa. Así mesmo, o seu profesorado adquiriría recoñecemento académico como mérito relevante para os complementos retributivos.

A Xunta de Galicia apoiaría o programa a través da sinatura de convenios coas universidades este verán para que reciban o financiamento necesario para afrontar estes gastos (de cara á mellora de infraestruturas, por exemplo). Os centros que participen serán a imaxe dunha universidade renovada e de centros de calidade, polo que a colaboración redundará nun beneficio conxunto do sistema, tal e como se acordou nunha reunión celebrada este martes na Consallaría de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Polo tanto o obxectivo desta comisión interdisciplinar é, valorando todos os escenarios posibles que se poidan producir tanto no inicio como no transcurso do curso universitario 2020/2021, anticiparse ás necesidades imprevistas que poidan xurdir e prever posibles solucións. Deste xeito a administración autonómica busca traballar de forma conxunta e coordinada cos axentes implicados para salvagardar a normalidade e o correcto desenvolvemento das institucións que constitúen o motor de coñecemento de Galicia e que son fundamentais na formación das xeracións que a liderarán no futuro.

Coordinación

Por outra banda, esta nova reunión de coordinación entre Consellería e reitores aproveitouse para confirmar a chegada á ACSUG e á Consellería das modificacións das guías docentes feitas polas universidades. Asemade, fíxose balance das actuacións desenvolvidas polas universidades ata o momento para facerlle fronte á crise do Covid-19. Neste sentido, a conselleira Carmen Pomar felicitou os tres reitores polo esforzo realizado nas últimas semanas para ofrecerlle o maior grao de certeza posible ao alumnado, nunhas circunstancias que son descoñecidas para todos.

Carmen Pomar felicitou os tres reitores polo esforzo realizado nas últimas semanas
Carmen Pomar felicitou os tres reitores polo esforzo realizado nas últimas semanas
Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2020.