A Comisión de Patrimonio dos Campus da USC potenciará a posta en valor do patrimonio da institución

A Comisión de Patrimonio dos Campus, constituída este luns 24, porá en valor o patrimonio natural, arquitectónico, histórico-artístico e social dos campus da USC. O traballo desta Comisión basearase en catro eixos estratéxicos: identificar os elementos que constitúen o patrimonio natural, arquitectónico, histórico-artístico e social dos campus; protexelo a través de medidas puntuais a curto, medio e longo prazo; interpretar os recursos patrimoniais para que sexan entendidos e desfrutados pola sociedade; e difundir e poñer en valor o patrimonio da institución universitaria.
A constitución desta comisión atópase en consonancia co compromiso que coa cidadanía galega desenvolve a USC, tal e como recolle o obxectivo número cinco do Plan Estratéxico vixente ‘Difundir cara á sociedade a cultura da USC e pór en valor o seu patrimonio histórico, cultural, científico, técnico e natural’. Para darlle cumprimento a este obxectivo cómpre traballar na actualización do patrimonio da institución nos campus de Lugo e Santiago. En ambas cidades, a USC conta con importantes recursos naturais, histórico-artísticos e científicos abertos ao público, así como cunha extensa rede de servizos administrativos, sociais e de divulgación do patrimonio dirixidos tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral.
Composición
A Comisión de Patrimonio dos Campus está presidida polo profesor emérito de Historia Contemporánea Ramón Villares, quen fora reitor da USC. Xunto co profesor Villares, compoñen a comisión Javier Ferreira, xerente; Pilar Murias, vicerreitora de Estudantes e Cultura; Rosa Romero, directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE); Tomás Cuesta, profesor da EPSE; Santiago Lamosa, tamén profesor da EPSE; Federico López Silvestre, director do departamento de Historia da Arte e Rubén Lois, do departamento de Xeografía; Edelmiro López, director do departamento de Economía Aplicada; María Jesús Aira, catedrática de Botánica, e Remigio Paradelo, profesor da área de Edafoloxía; así como por persoal da Xerencia como Xosé Antonio Rubal (responsable da área de Infraestruturas), Antonio Ramos (da área de Operación de Infraestruturas) e Carmen García (arquitecta da área de Infraestruturas).
Accións
Entre as primeiras accións a acometer por parte da Comisión, atópase a elaboración dun informe diagnóstico no que se identifiquen fortalezas, carencias e puntos de mellora na xestión do patrimonio da USC coa vontade de definir a situación actual. Ademais, elaborarase un inventario que permita sistematizar a información sobre os elementos patrimoniais da institución universitaria.
A continuación, procederase ao deseño dun plan de acción para a posta en valor do patrimonio da Universidade por parte da Comisión, e á elaboración dun informe de intervencións necesarias para a protección dos elementos patrimoniais que inclúa unha análise de custos, tras o cal se acometerá a captación de financiación local e autonómica para a protección e recuperación de elementos patrimoniais xestionados pola Universidade, e a realización das obras e traballos necesarios para garantir a protección e durabilidade do patrimonio dos campus.
No marco do terceiro eixo de actuación relativo a interpretar os recursos patrimoniais para que sexan entendidos e desfrutados pola sociedade, a comisión contempla adaptar o discurso histórico ou científico sobre o elemento patrimonial á realidade social. Neste senso, abordarase a elaboración de sinalética que permita contextualizar os elementos patrimoniais dos campus, así como o deseño de rutas guiadas e autónomas polos campus da universidade.
Finalmente, definiranse os mecanismos necesarios para a posta en valor do patrimonio da USC no que atinxe á súa visibilidade e promoción ao conxunto da cidadanía a través da publicación do inventario patrimonial con datos en aberto accesibles para o público en xeral; a promoción dos itinerarios e visitas guiadas; a creación de mapas por campus que permitan xeolocalizar os elementos patrimoniais da USC; a elaboración dun directorio de servizos da universidade dispoñibles para a cidadanía en xeral; así como dunha rede de divulgación dende o prisma da ciencia aberta para a cidadanía. A creación de convenios con institucións locais e autonómicas para asegurar a perdurabilidade dos elementos patrimoniais e servizos prestados nos campus da Universidade completan a listaxe de accións a executar.
