Ir o contido principal

A Comisión para a Planificación Docente ultima as directrices para a docencia presencial segura do curso 2020/2021

O encontro celebrouse no Salón Reitoral, mantendo medidas de distancia social e asistencia en remoto. Foto: Santi Alvite
O encontro celebrouse no Salón Reitoral, mantendo medidas de distancia social e asistencia en remoto. Foto: Santi Alvite
Ademais, o grupo traballa na definición de medidas adaptadas aos diferentes escenarios derivados da crise sanitaria por mor da COVID-19
Lugo, Santiago de Compostela

Adaptarse ás necesidades dunha realidade cambiante por mor da COVID-19 e facer fronte con solvencia a todos os escenarios posibles é o obxectivo que persegue o grupo de traballo para unha docencia presencial segura na USC, que se reuniu o martes 23. Esta comisión está a avanzar nas directrices que regularán os tres escenarios posibles de cara ao vindeiro curso: normalidade adaptada, distanciamento e peche de instalacións.

Este documento de directrices desenvolve, de xeito operativo, o acordo do Consello de Goberno do 19 de xuño polo que se regulan as bases para o desenvolvemento dunha docencia presencial segura no curso académico 2020-2021. Os principios básicos en que se asentan tanto as devanditas bases como as directrices recollidas no devandito documento inclúen o respecto ao carácter presencial da docencia na USC, a necesaria flexibilidade para a adaptación da actividade universitaria aos diversos escenarios, que atenda ás diferenzas entre as titulacións que se imparten nos seus campus; así como a responsabilidade, tanto individual como colectiva, de todos os axentes que conforman a comunidade universitaria.

“En base á experiencia adquirida durante o segundo cuadrimestre do curso 2019-2020, é aconsellable introducir algunhas modificacións nas estratexias docentes e nas canles de comunicación entre profesorado e alumnado, que minimicen o posible impacto que poida ter un novo rebrote da COVID-19 no proceso ensino-aprendizaxe e na consecución por parte do estudantado das competencias asociadas aos títulos”, matiza o texto no que está a avanzar este grupo de traballo. Estas modificacións deben recollerse na programación docente, tanto nas guías docentes, como nos programas, de xeito que queden rexistradas e poidan ser explicadas e defendidas en futuros procesos de seguimento e acreditación dos títulos. Asemade, deben considerarse de xeito diferenciado aquelas medidas cuxa posta en marcha é independente dos escenarios que determine a evolución da COVID-19 daqueloutras de carácter máis específico que sexan de aplicación en cada un dos escenarios.

Tres escenarios

O grupo de traballo avanza nas directrices específicas para tres escenarios diferentes. A normalidade adaptada caracterízase pola convivencia con certas medidas de prevención, de auto protección da poboación como máscaras faciais ou uso de xeles desinfectantes, e mantemento de restricións que afecten a eventos de certa afluencia de persoas. Nun contexto de distanciamento aplicaranse medidas de protección activas, de obrigado cumprimento, como o distanciamento de seguridade, o uso de máscaras faciais e medidas organizativas de control de acceso e aforo. Finalmente, en atención ás medidas que dispoñan as autoridades sanitarias, pode producirse un novo confinamento da poboación, o peche das instalacións da Universidade. Nese caso, a docencia será completamente de carácter virtual, ben con mecanismos síncronos, ben con asíncronos.

Membros do grupo de traballo

A vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María Xosé López Couso; o vicerreitor de Calidade, Jacobo Limeres Pose; a vicerreitora de Organización Académica, Celia Besteiro Rodríguez; e o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, integran este grupo de traballo responsable da elaboración das directrices. Xunto a eles, toman parte as persoas responsables do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) e da Área TIC da Universidade, dous especialistas en novas tecnoloxías aplicadas á educación, a persoa responsable da Área de E-learning e Colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); así como un membro do Persoal Docente e Investigador por cada unha das cinco grandes áreas de coñecemento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2020.