Ir o contido principal

A comisión reitora do Campus Terra da USC bota a andar en Lugo coa aprobación da súa estrutura de gobernanza

Reunión da comisión reitora do Campus Terra da USC na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
Reunión da comisión reitora do Campus Terra da USC na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
O reitor Juan Viaño preside o máximo órgano de goberno do Campus Terra, que reúne responsables académicos e universitarios e representantes políticos e empresariais

A comisión reitora do Campus Terra da USC botou a andar este xoves na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, onde o reitor Juan Viaño presidiu a reunión de constitución formal do máximo órgano de goberno do Campus Terra, que, na súa primeira xuntanza de traballo ordinaria e logo de presentar o plan de actuacións previstas para o exercicio 2016, acordou aprobar a estrutura de gobernanza do Campus Terra da USC, así como o calendario de reunións da citada comisión reitora.

O reitor da USC, Juan Viaño, é tamén o presidente da comisión reitora do Campus Terra, que está integrada por un total de 17 membros, entre os que figuran, ademais dos vicerreitores Javier Bueno Lema, Andrés Barreiro Lois e Carme Silva Domínugez, decanos e directores das facultades e escolas universitarias da USC no campus de Lugo, o xerente da USC, José Manuel Villanueva; o vicerexerente do campus lugués, José Luis Cruz, así como o presidente do Consello Social da USC, José María Arias Mosquera, que actuará como vicepresidente do máximo órgano de goberno do Campus Terra. O Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia, así como a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) tamén estarán representadas neste comisión reitora do Campus Terra da USC, da que desenvolverá as funcións de secretaría a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez. Daquela, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o deputado provincial Álvaro Santos Ramos, o secretario Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, e o conselleiro delegado da CEL, Jesús Quintá García, figuran como vogais no máximo órgano de goberno do Campus Terra. Unha vez formalizada a comisión reitora do Campus Terra da USC e logo de que o seu presidente, o reitor Juan Viaño, informara sobre o plan de actuación 2015-2016, todos os membros procederon á aprobación da estrutura de gobernanza do Campus Terra e do calendario de reunións da referida comisión. Estrutura de gobernanza A comisión reitora lidera a estrutura de gobernanza do Campus Terra da USC, que contará tamén cun equipo de dirección, coordinado por Javier Bueno e integrado polos tres vicerreitores e o vicexerente do campus de Lugo e cuxas funcións abranguen, ademais da posta en marcha deste proxecto, a xestión, control e supervisión das actuacións recollidas no plan do Campus Terra. O equipo de dirección do Campus Terra traballará da man dunha comisión asesora externa, que está presidida por Marius Rubiralta, director do Campus da Alimentación de Torribera da Universidade de Barcelona, e que ten, entre outras tarefas, as de propoñer os perfís profesionais de futuro sirvan de base para a evolución académica e investigadora do Campus Terra. O coordinador xeral do campus de excelencia internacional ceiA3, liderado pola Universidade de Córdoba, Enrique Quesada Moraga; o director da Oficina de Tecnoloxía Académica da Universidade de Florida, Pedro S. Zazueta; o presidente do Clúster Alimentario de Galicia e director xeral de Feiraco, José Luis Antuña; o profesor e investigador do Royal Veterinary College da Universidade de Londres Francisco Javier Guitián Martínez, e o ex reitor da universidade mexicana de Guanajuato, José Manuel Cabrera, completan a relación de membros deste órgano asesor. Na parte inferior deste organigrama de goberno atópanse as comisións de Docencia, Investigación, transferencia innovación e Servizos e proxección social, que serán as encargadas de asesorar á gobernanza do Campus Terra nos temas relacionados cos seus ámbitos e que, ademais de dar continuidade aos grupos de traballo que participaron na elaboración do Plan Estratéxico do Campus Terra, tamén favorecerán a participación da comunidade universitaria na fase de desenvolvemento do plan. Plan de actuación 2015-2016 A constitución da comisión reitora é un paso máis cara a posta en funcionamento real do Campus Terra, un proxecto que se encadra na estratexia Europa 2020, segundo sinalou o reitor Juan Viaño, que lembrou que esta aposta estratéxica da USC pretende dotar ao campus de Lugo dunha identidade propia, estreitamente ligada ás potencialidades económicas do seu contorno, cunha maior visibilidade para garantir o seu futuro e fomentar as súas posibilidades para conectar coas novas necesidades de crecemento e progreso que permitan acadar un recoñecemento internacional. Neste contexto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e a USC asinaron en setembro de 2015 un convenio para a posta en marcha do Campus Terra cunha dotación orzamentaria de 1.365.700 euros. A concesión desta axuda está destinada a financiar o plan de actuación 2015-2016 no que atende a articulación do seu goberno, elaboración de plans operativos e de potenciación, así como a mellora de servizos e estruturas. A creación e posta en marcha da comisión asesora externa e dunha rede de valor, a implantación da unidade técnica do Campus Terra, a elaboración dun plan de promoción e comunicación, así como a creación dun portal web e do centro e- Terra e o fortalecemento das infraestruturas de investigación requiriron o pasado exercicio un investimento de máis de 108.000 euros. Estas primeiras actuacións xa materializadas ao abeiro do Campus Terra da USC continuarán a desenvolverse durante o ano 2016, período no que está previsto seguir a traballar no deseño de plans operativos de especialización docente, promoción e internacionalización, orientación da I+D+i cara novos retos, homologación e certificación de ensaios e técnicas básicas, ademais de avanzar no fortalecemento de infraestruturas e servizos de investigación. A realización deste traballo permitirá definir con maior concreción as futuras accións a desenvolver na segunda fase do plan de actuación entre os anos 2017 e 2019.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.01.2016.