Ir o contido principal

O Comité Español Universitario de Relacións Internacionais celebrará este xoves e o venres a xuntanza do seu plenario na USC

O Comité Español Universitario de Relacións Internacionais (CEURI) da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) celebrará este xoves 6 e o venres 7 a xuntanza do seu plenario na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, coa participación de 150 representantes de universidades de toda España.
O encontro botará a andar na sesión matinal coa reunión das distintas comisións que o Comité ten actualmente en funcionamento. Pola tarde, a partir das 15:30 horas, comezará o plenario coa presentación aos asistentes do Observatorio de Cooperación, nun acto ao que está convidada a secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Soraya Rodríguez. Na xuntanza tamén se presentará o Código Ético de Cooperación das universidades traducido ao galego, documento que deste xeito poderase consultar en calquera das linguas oficiais do Estado.
Xa o venres, presentarase aos asistentes os programas de cooperación e intercambio universitario entre a Unión Europea e terceiros países, da Comisión Europea e da Axencia Executiva de Educación, Cultura e Audiovisual. Previamente, está prevista a intervención no plenario do secretario de estado de Universidades, Màrius Rubiralta.
CEURIA CEURI, comisión sectorial da CRUE, funciona como rede integrada das Universidades españolas, públicas e privadas, coa finalidade de coordinar as distintas actividades no campo das relacións internacionais universitarias, desenvolver mecanismos específicos para a transmisión inmediata de información, e intercambiar e promover contactos entre universidades españolas e outras institucións nacionais e internacionais.
Actualmente o comité executivo de CEURI está presidida polo reitor da UNED Juan Gimeno Ullastres e del forma parte como vocal o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.11.2008.