Ir o contido principal

O Comité Organizador do Foro internacional 2010 celebrará este venres en Compostela a súa sesión constitutiva

O evento reunirá en Compostela en 2010 o Foro Mundial da Educación nun Congreso Internacional de Educación e Cultura de Paz

A Universidade de Santiago forma parte do Comité Organizador do Foro 2010, evento que pretenden reunir en Santiago de Compostela dentro de dous anos o Foro Mundial da Educación, adscrito ao Foro Social Mundial (FSM), nun Congreso Internacional de Educación e Cultura de Paz entre os días 9 e 12 de decembro de 2010. Este encontro internacional coincidiría co Ano Xacobeo, co final da Década da Cultura de Paz e a Non Violencia (2001-2010) proclamada pola ONU e a Unesco e coa conmemoración do 25 aniversario do Seminario Galego de Educación para a Paz.
A primeira xuntanza, de constitución oficial, do Comité Organizador Internacional celebrarase este venres 28 a partir das 10:00 horas no hotel NH Obradoiro presidida por Federico Mayor Zaragoza. Nela participará en representación da institución académica compostelá o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, por delegación do reitor compostelán. O presidente do Comité manterá ás 12:00 horas un encontro cos medios de comunicación co obxecto de dar a coñecer os detalles do Foro 2010.
O programa do encontro principiará cunhas palabras de benvida a cargo do presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios Diz, ao que lle seguirá a intervención do presidente do Comité, Federico Mayor Zaragoza, e dos distintos representantes institucionais. No transcurso da xuntanza, o propio Manuel Dios presentarán un borrador no que se adiantan as principais referencias do programa previsto para o Foro.
No Comité Organizador están representados os máis relevantes centros de educación e investigación para a paz galegos así como do estado e outros de ámbito internacional, universidades, distintas administración públicas, galegas e españolas, así como diversas entidades privadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2008.