A compañía da Aula de Teatro estrea ‘Apnea (variación 2ª)’

A compañía da Aula de Teatro da USC estreará este martes 17 a súa nova produción ‘Apnea (variación 2ª)’, a partir dun texto orixinal de Roberto Salgueiro. No Salón Teatro de Santiago ás 21.00 horas, a entrada á representación será de balde, previo paso polo despacho de entradas, no que se poderá retirar ata un máximo de dúas entradas por persoa. A nova estrea da compañía teatral universitaria porá en escena unha visión crítica da Galicia actual a partir dun texto orixinal do propio director da compañía, Roberto Salgueiro. Compoñen o elenco de actores e actrices Marcos Montiel, Alba López, Carlos Hermida, Aldara Cidrás e Miguel Gendre.