A compañía da Aula de Teatro da USC remata a súa xira por Alemaña e Lituania
A Compañía da Aula de Teatro da USC acaba de rematar unha xira que a levou a Alemaña e Lituania coa súa última produción "As Raíñas", unha adaptación teatral do texto de Werner Schwab "As Presidentas".
En Lituania participou na novena edición do International University Theatre Forum compartindo escenario con compañías de Rusia, Bulgaria, Romanía, Bielorrusia e Lituania. Nel a compañía compostelá recibiu o premio á mellor montaxe así como á mellor interpretación feminina, recoñecemento que recaeu na actriz Ana Moraña, pola súa interpretación da personaxe de Modesta.
No seu conxunto, o xurado recoñeceu a sutilidade do traballo así como a capacidade de comunicación emocional, máis alá das cuestións lingüísticas, xa que a función foi interpretada en lingua galega.