A Compañía de Danza da USC súmase ao Festival Miradas de Mulleres
A Compañía de Danza da USC estreará a vindeira semana, tanto en Santiago como en Lugo, unha nova produción que se suma ás organizadas dentro do Festival Miradas de Mulleres, dedicado ao Día Internacional das Mulleres. No caso de Compostela, a proposta que executará a compañía USCompostela leva por título ‘Onde se fugan as valentes’, con dirección artística de Juan Carlos Zahera, e porase en escena no Xardín do Colexio de Fonseca a partir das 14.00 horas. A experiencia dun encontro entre mulleres é o punto de partida desta peza. Como explica o director da compañía en referencia ao sentido da peza, “non importa o pasado, só o presente que se atopa entre o aquí e o agora. Agora é o momento, imos visibilizar o invisible, ser parte dos lugares que foxen e perdernos entre os froitos dos encontros e desencontros”. Con coreografía de Xiana Vilas, a posta en escena corresponderá a Paula Cabrito, Ángeles Dobao, Miryam Gallego, Ipek Guler, Patricia Martínez e Mª José Pérez. O acompañamento musical será un collage musical.