A compañía ‘Sen Vergoña’, do IV Ciclo da USC de Lugo, presenta ‘Todo comeza por 1’ no VI Encontro Artes pola Integración

O colectivo do IV Ciclo da USC no campus de Lugo participa o vindeiro sábado 10 de xuño na Coruña no VI Encontro Artes pola Integración, un foro promovido pola Xunta de Galicia, no que a compañía de danza ‘Sen Vergoña’, integrada por alumnado do IV Ciclo da USC a sede universitaria luguesa, porá en escena a coreografía ‘Todo comeza por 1’, de Rosa Acuña.
Antes desta intervención artística, o director do Espazo de Danza da USC, o tamén lugués Juan Carlos Zahera, ofrecerá neste foro, que se desenvolve nas instalacións do Centro Cultural Ágora da capital herculina, un relatorio baixo o título ‘A danza na Universidade. Camiño e traxectoria’.
Asociación IV Ciclo de Lugo
A Asociación do IV Ciclo do campus de Lugo da USC celebrará este venres, a partir das 21.30 horas, no restaurante Manuel Manuel da capital amurallada, unha cena de confraternidade co gallo do remate das sesións académicas do curso 2016-2017. Este encontro, organizado a iniciativa do alumnado sénior en sinal de agradecemento aos profesores, contará coa participación de máis de medio centenar de persoas.