A compañía teatral Chévere conciencia sobre xénero na USC

O grupo Chévere porá en escena a vindeira semana nos campus de Lugo e Santiago o seu espectáculo ‘I’ll be watching you (Hei estar vixiándote)’, unha proposta creativa con perspectiva de xénero. As actuacións, abertas a toda a comunidade universitaria, serán os días 28 de novembro ás 19:30 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo e o 1 de decembro á mesma hora na Aula Castelao da Facultade compostelá de Medicina. ‘I’ll be watching you (Hei estar vixiándote)’ continúa a estela do traballo realizado en ‘ Testosterona’ sobre identidade e construción de xénero. Pretenden así actuar na prevención da violencia de xénero e promover o pensamento crítico entre o gran público. Chévere trae agora aos escenarios un proxecto pedagóxico, teatral, lúdico e musical que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa da música comercial de consumo masivo. A obra fala dos valores que moitas veces se agochan detrás das baladas románticas, cuestionando os estereotipos ríxidos de xénero, a cosificación da muller, os celos como proba de amor, a connivencia coa violencia e o sentimento de propiedade sobre a outra persoa. Fala tamén das relacións de igual a igual fronte ás que non o son, da autoestima, da necesidade da reacción das propias mulleres para poñer fin á violencia de xénero. A intención da obra vén da man da actriz Patricia de Lorenzo e do actor Manuel Cebrián, que versionarán un típico repertorio musical cos éxitos do pop actual aparentemente con letras neutrais. Entre tema e tema, Yeni introduce o relato da súa propia experiencia vital como muller, facendo participar ao público dunha nova e crítica lectura dos valores que transmiten as cancións que canta. A actividade, organizada pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC, está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.