Ir o contido principal

A Compañía de Teatro do Campus de Lugo abre o luns a VI edición da Mostra de Teatro Afeccionado Cidade de Lugo

Haberá representacións polas rúas da cidade e no Campus universitario

A Compañía de Teatro da USC-Campus de Lugo dará comezo este luns día 5 á VI edición da Mostra de Teatro Afeccionado Cidade de Lugo, organizada polo Concello en colaboración coa Vicerreitoría de Cultura da USC e a Escola Arte e Lecer do Colexio Fingoi, e coordinada por Palimoco Teatro.
A compañía do Campus lugués, dirixida por Quico Cadaval, estrea en Lugo a obra A Ronda, que ven de ser galardoada cunha mención especial do xurado na XIII MITEU de Ourense. Trátase dunha adaptación da peza escrita por Arthur Schnitzler, na que se exploran dez relacións sentimentais entre outras tantas persoas de distintos estratos sociais.
A Mostra continuará o 6 de maio da man da Aula de Teatro do Concello coa obra de Lorca ‘Vodas de Sangue’, baixo a dirección de Guillermo Cancelo. O día 7 Jorge Coira amosará as súas dotes como director teatral coa estrea da obra ‘FLIS-FLI-RIS-FLAS’, de Matapiollos Teatro. O 8 de maio representarase ‘O tempo apremia’, unha nova proposta de Nostrun-Cai baixo a dirección de Lola Fernández.
A Mostra retomarase o día 12 de maio con ‘Pic-nic’, de Pinchacarneiro Teatro, e, ao día seguinte será a preestrea en Lugo de ‘O Divino Sainete’ a cargo de Achádego Teatro. O día 14 pechará a Mostra a obra ‘Pensión 13’, do dramaturgo lucense Xoán Laxe, representada polo grupo Nova Escena Teatro, dirixidos polo tamén lucense Mario Tomás López. As rúas e o Campus tamén se encherán de teatro coas compañías independentes universitarias da Residencia Bal e Gay e Tessellas Teatro, que actuarán os días 2, 8 e 9 de maio.
Todas as obras representarase no Auditorio Gustavo Freire, ás 20:30 horas, agás a de Matapiollos, que será ás 19:00 horas, xa que está dirixida principalmente ao público infantil. As entradas para as representacións poderán comprarse dende unha hora antes da función no propio Auditorio e teñen un prezo de 3 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2008.