A compañía de teatro USC-Lugo acada unha mención na Miteu de Ourense pola representación de ‘O Público’
O xurado acordou distinguir a formación dirixida por Paloma Lugilde por achegar o texto de Lorca ao público, ademais de polo lirismo, as imaxes e o xogo escénico
A compañía de teatro USC-campus de Lugo vén de ser distinguida cunha mención na Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) pola representación da obra ‘O Público’, unha adaptación do texto orixinal de Federico García Lorca feita por Paloma Lugilde.
O xurado encargado de fallar os premios da última edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, un certame no que participaron máis de 30 compañías internacionais, acordou distinguir a compañía de teatro USC-Lugo pola posta en escena da obra ‘O Público. As imaxes, o lirismo e a capacidade para achegar o texto surrealista de García Lorca ao público constituíron outros dos aspectos valorados polo xurado.