Ir o contido principal

A compañía da USC estrea unha peza no X Festival de Danza da Universidade Carlos III de Madrid

Actuará un grupo mixto con intérpretes dos dous Campus o martes no auditorio Padre Soler de Leganés

A Compañía de Danza da USC estrea o martes 11 unha nova peza na décima edición de Unidanza, festival universitario organizado pola Universidade Carlos III de Madrid. A peza leva por título ‘O falar calado’, con coreografía a cargo de Juan Carlos Zahera.
Os recordos que se teñen durante toda a vida é o eixo fundamental desta interpretación, que se presentará ao público por primeira vez no Auditorio Padre Soler de Leganés.
Os intérpretes que viaxan para o encontro Unidanza son un grupo mixto de membros dos Campus de Santiago e de Lugo. Esta é a primeira vez que acoden membros dos dous Campus formando un único grupo, xa que ata o de agora traballouse sempre por separado con cada un.
Este encontro ten o obxectivo de pór en contacto a distintos grupos universitarios de danza de toda Europa para o intercambio de propostas e para mostrar os traballos realizados durante todo o ano. Así, está confirmada tamén a participación de grupos de danza doutras comunidades españolas, como Barcelona, Madrid ou Estremadura, e tamén de países como Francia, Alemaña, Lituania ou Italia.
O encontro non ten carácter concorrente e se trata dunha das convocatorias estables que se celebran anualmente en España, xunto coa que dende hai seis anos ven acontecendo en Santiago no mes de abril.
Coincidindo con esta décima edición, a Universidade Carlos III organizou unha exposición fotográfica que recolle os dez anos de historia do festival e no que se amosa a presencia da USC nesta convocatoria dende a súa primeira edición.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2008.