A compañía USC-Lugo presenta este venres no Festival Anual de Teatro Académico de Lisboa a obra ‘Miosotis. Non me esquezas’
A compañía de teatro universitario USC-Lugo presentará este venres en Lisboa a obra ‘Miosotis. Non me esquezas’, unha peza elaborada e a partir dos textos da ‘Comedia sen título ou o soño da vida’, de Federico García Lorca, adaptada e dirixida por Paloma Lugilde.
A compañía luguesa, que estreou ‘Miosotis. Non me esquezas’ a comezos do pasado mes de abril na xornada inaugural do XX Festival de Teatro Universitario de Lugo, leva agora ao Festival Anual de Teatro Académico de Lisboa (Fatal), organizado pola Universidade de Lisboa, esta dramaturxia orixinal que xira sobre a necesidade de non esquecer e na que a verdade do poeta quere saír. A compañía de teatro USC-Lugo, cuxo elenco de actores está formado por Uxía Alonso, Lili Claro, Ramón Ferreira, Natalia Fernández, Dani Lago e Roberto Rivas, xa ten xirado esta peza polas mostras de teatro universitario da Coruña, Santiago e Ourense, escenarios nos que a formación luguesa ten recollido moi boas críticas. Os actores da formación luguesa confían en que a súa nova proposta dramática agrade tamén ao público que acuda este venres, a partir das 21.30 horas, ao Teatro da Politécnica de Lisboa, onde tamén presentarán as súas respectivas creacións no marco desta nova edición do Fatal outras compañías universitarias de Portugal, España e Francia.