Compañías de Lituania, Portugal, Porto Rico e España soben ás táboas do Festival Internacional de Teatro Universitario da USC
Lituania, Portugal, Porto Rico e España son os países de procedencia das compañías que entre este luns 15 e o xoves 18 subirán ás táboas do Teatro Principal de Compostela para dar voz ao Festival Internacional de Teatro Universitario. O certame está promovido pola Aula de Teatro da USC e alcanza este ano a súa vixésimo segunda edición. Todas as representacións son de entrada gratuíta previo paso polo despacho de entradas que abrirá ás 18.00 horas, mentres que as representacións se celebrarán a partir das 21.00 horas.
O programa subirá o pano este luns 15 da man de Teatrubi e Asta, da Universidade de Covilha (Portugal). Representarán ‘A casa do vestido castanho’, peza elaborada a partir de textos de Fernando Pessoa e M. Inglés coa adaptación de Rui Pires. Ten unha duración estimada de 60 minutos.
A Compañía de Teatro da Aula de Teatro da USC tomará o relevo o martes 16 coa peza ‘Cinzas’, unha proposta a partir de textos de Rodrigo García que adaptou o director da Aula Roberto Salgueiro. A representación ten unha duración de 47 minutos. O programa continuará o mércores 17 da man de Teatro de la Universidad, do Departamento de Drama do Recinto de Río Pedras (Porto Rico), que porá en escena ‘Terror y miserias del tercer milenio’, de José L. Ramos Escobar, cunha duración estimada de 80 minutos.
O Festival pecharase coa compañía teatral da Vilnius Gediminas Technical University (Lituania) que representarán ‘Ija ir Europa/ Ija and Europe’, de Saulius Šaltenis, e unha duración estimada de 120 minutos.