Ir o contido principal

Compañías de Sevilla, Murcia, Lugo e São Paulo botan o pano á programación do XIV Festival Internacional de Teatro Universitario para o Campus de Santiago

As compañías teatrais de Sevilla, Murcia, Lugo e São Paulo botarán o pano esta fin de semana no Campus de Santiago á programación do XIV Festival Internacional de Teatro Universitario da USC.
O programa de actuacións comezará o sábado, ás 19:30 horas na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño, onde a Compañía de Teatro Inflamável do Departamento de Artes Cênicas da Universidade de São Paulo representará ‘Com os bolsos cheios de pao’, de Maite Visniec. Un pozo desactivado, un cacharro dentro do pozo, dous homes, migallas de pan, conxecturas de cómo o cacharro foi parar dentro do pozo e ningunha acción efectiva para retiralo de aí son os ingredientes sobre os que se sustenta este texto extremadamente contundente verbo da condición humana. O mesmo grupo fará unha segunda posta en escena da obra o domingo 6 á mesma hora e no mesmo lugar.
La escalera teatro, da Universidade Pablo Olavide de Sevilla, tomará o relevo o sábado 5 ás 21:30 horas no Teatro Principal coa representación de ‘Las relaciones de Clara’, de Dea Loher. As personaxes que sustentan esta historia común e próxima de relacións utilitarias e proveitosas supoñen un exercicio consciente para desentrañar o xeito no que se produce o achegamento ao ‘outro’ na sociedade actual, agresiva, trepidante e variable.
O domingo 6, e logo de ‘Com os bolsos cheios de pao’, a Compañía de Teatro do Campus de Lugo levará a escena ‘O público’, de Federico García Lorca. A obra, que se vai desenvolver ás 17:30 horas no Auditorio de Galicia, reflexiona sobre o ser humano, as diferentes máscaras que vai adquirindo e cómo chega a ser un mesmo.
‘No hay burlas con el amor’, de Federico García Lorca, é a proposta que trae ao Festival a Escola Superior de Arte Dramática de Murcia, nunha función que principiará ás 21:30 horas no Teatro Principal. Don Alonso é un galán que non cre no amor e fai chanzas verbo del, pero cando ten que axudar ao seu amigo don Juan, vese envolto nunha serie de divertidos enredos para, finalmente e de xeito inesperado, namorarse de Beatriz, a quen nun primeiro momento pensaba ir a burlar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.04.2008.