O compositor e guitarrista fonsagradino Xoán Curiel trae este xoves a súa Xira de Peregrinación Magnética á Casa do Saber
O compositor, guitarrista, cantante e actor da Fonsagrada Xoán Curiel, un dos valores actuais da música galega que fai pop galego con influencias de world music, ofrecerá este xoves un concerto, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber, no marco do Ciclo Lubicán 2014, un programa organizado ao abeiro do Convenio Lugo Cultural, que conta con finaciamento da USC, así como do Concello e da Deputación Provincial de Lugo.
Xoán Curiel, que estará acompañado polo cantautor e instrumentista Sérgino Tannus, un dos máximos referentes da safra brasileira, interpretará nun concerto alcumado ‘Xira de peregrinación magnética’ temas do seu último álbum ‘Magnético Zen’, no que ofrece a súa particular visión crítica do caos no que se atopa inmersa a sociedade actual, así como outras creacións incluídas en traballos anteriores. A música de Xoán Curiel, que en 2013 foi distinguido co Premio da Música Independente ao mellor álbum en galego, agocha sorpresas agradables. Instrumentacións cálidas, arranxos atrevidos, influencias da música étnica e letras conectadas co presente son características das cancións deste artista nado na Fonsagrada. Na súa traxectoria artística, Curiel destaca pola súa versatilidade, como o acredita a súa participación como actor, músico, director, cantante ou mesmo bailarín en diversos proxectos vinculados á música, o teatro, o teatro infantil e a danza. O primeiro traballo discográfico de Xoán Curiel, ‘Publica Nai’, chega en 2009, e nel mestura sons da terra con arranxos arriscados e vangardistas nunha viaxe musical e sonora chamada de pop étnico de raíz galega. O Ciclo Lubicán 2014 permitirá este xoves, día 13 de marzo, ao público lugués achegarse á música de Xoán Curiel nun concerto de entrada libre, que comezará ás 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo.