Ir o contido principal

O compositor e percusionista Carlos Suárez ofrece este xoves un concerto na Casa do Saber no marco do ciclo ‘Sons Creativos’

A actuación, con entrada de balde ata completar o aforo, comezará as 20.30 horas e rematará cun remix, a cargo de Álvaro Pardo, coñecido como Dj Dr Think

O compositor, percusionista e etnomusicólogo Carlos Suárez, nado en Celanova en 1966, pero formado como mestre compositor na especialidade de electroacústica polo Conservatorio Superior de Música Simón Bolívar de Caracas, e como etnomusicólogo no Instituto Universitario de Estudos Musicais de Caracas, ofrecerá este xoves, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o concerto ‘In principio erat sonus’. Esta atuación, con entrada de balde ata completar aforo, é a segunda das programadas na sexta edición do ciclo ‘Sons Creativos’, que conta con financiamento a cargo do convenio Lugo Cultural e que está dirixido por Inmaculada Cárdenas Servián.

Carlos Suárez ofrecerá un concerto construído a partir de temas dos seus últimos traballos publicados, Transit mundi, Fin da terra e O Tempo do Desengano. Ademais dunha obra nova baseada na voz de Celso Emilio Ferreiro que completará unha sesión de intensidade sonora onde as gravacións de campo e os sons sintetizados se mesturan coa execución de instrumentos en directo e interludios improvisados. Como preámbulo do concerto de Carlos Suárez, o público terá a oportunidade de escoitar unha variada selección de traballos que determinan o ámbito estético deste artista. Obras que van dende a música contemporánea ás prácticas fonográficas pasando polas sonoridades etnomusicais. Este amplo repertorio inclúe gravacións de campo, exemplos de etnomúsica, vídeos de obras contemporáneas ou exemplos de música electroacústica. O Dj residente Álvaro Pardo, coñecido como Dr. Think, pechará este segundo concerto de Sons Creativos cunha intervención na que fará un remix de todas as obras que se puideron escoitar durante o concerto de Carlos Suárez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.05.2014.