Compostela acollerá a próxima semana o congreso SISTEDES 2022, o maior encontro estatal en campos chave da informática
![As xornadas SISTEDES 2022 celébranse do 5 ao 7 de setembro en Santiago de Compostela. [Imaxe de fondo: Turismo de Galicia] As xornadas SISTEDES 2022 celébranse do 5 ao 7 de setembro en Santiago de Compostela. [Imaxe de fondo: Turismo de Galicia]](/sites/default/files/styles/content_inner_main_image/public/image/2022-08/SISTEDES.png?h=d1cb525d&itok=oo0i3RG5)
Santiago de Compostela acollerá desde o vindeiro luns o congreso estatal da Sociedade de Enxeñaría de Software e Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software (SISTEDES), un encontro de carácter anual centrado en tres grandes áreas da informática: Enxeñaría de Software e Bases de datos (JISBD, a máis grande), Ciencia e Enxeñaría de servizos (servizos web, JCIS) e Programación e Linguaxes (PROLE).
As xornadas, organizadas polo grupo de Gráficos por Computador e Enxeñaría de datos do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), reunirán na cidade compostelá a 240 integrantes dos grupos de investigación máis importantes das universidades españolas, así como a estudantes e representantes de empresas e sector público. O simposio arrincará o vindeiro luns 5 de setembro no Hotel OCA Porta do Camiño ás 9.00 horas co acto de apertura oficial, ao que asistirán Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.
Ao longo de SISTEDES 2022 presentaranse un total de 154 traballos científicos perante a comunidade investigadora experta nestes temas, que respondeu con crecente interese ante o encontro, aumentando a participación con respecto a outras edicións (tanto en número de persoas asistentes rexistradas como en propostas enviadas).
O simposio inclúe tres conferencias plenarias (unha por área), a cargo investigadores de sona internacional, como Robert Feldt (JISBD), profesor de Enxeñaría de Software na Universidade Tecnolóxica de Chalmers, Gotemburgo (Suecia); Uwe Zdun (JCIS), profesor de arquitectura de software na Facultade de Informática da Universidade de Viena (Austria); e Manuel Hermenegildo (PROLE), profesor da Universidade Politécnica de Madrid e investigador distinguido no Instituto IMDEA-software.
Así mesmo, as xornadas contan tamén co respaldo do sector, como demostra o compromiso das empresas tecnolóxicas Accenture, Plexus Tech e Televés -principais patrocinadores do congreso-, e o Clúster TIC de Galicia.
As Xordadas SISTEDES
Este encontro, que vén realizándose de maneira ininterrompida desde o ano 2001, constitúe un punto de encontro esencial a nivel estatal entre a comunidade española que traballa nas áreas de Enxeñaría do Software e as Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software.
Trátase dun espazo para a posta en común e o intercambio científico, auspiciado por la homónima Sociedade de Enxeñaría de Software e Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software (SISTEDES); unha asociación sen ánimo de lucro creada co principal obxectivo de contribuír ao desenvolvemento científico e tecnolóxico a nivel estatal na área da Enxeñaría do Software e as Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software, así como de promover a investigación, a innovación e a transferencia de tecnoloxía entre a academia e a empresa, para o avance destas disciplinas.
Na edición 2022, o comité organizador estará formado polos investigadores José M. Cotos Yañez, José R. Ríos Viqueira, Manuel Lama Penín e José A. Taboada González, coa colaboración do resto de membros do grupo e o persoal de apoio do CiTIUS. O evento conta tamén co soporte da Consellería de Turismo da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a propia USC.