Comunicado do Consello Científico do Instituto da Lingua Galega
O Consello Científico do Instituto da Lingua Galega, na súa sesión do 28 de febreiro de 2013, diante das declaracións realizadas do pasado día 25 de febreiro polo Secretario da Real Academia Galega ao xornal La Voz de Galicia, desexa desmentir categoricamente as imputacións alí formuladas e trasladar ás señoras e señores académicos e á sociedade galega as seguintes consideracións: 1. O Instituto da Lingua Galega, consciente do seu papel como centro de investigación universitario, renova unha vez máis a súa vontade de seguir colaborando de maneira activa e leal coa Real Academia Galega, sen máis pretensión que a de contribuír solidariamente ao estudo, desenvolvemento e promoción da lingua galega. Esta é a liña de actuación que presidiu a actividade no ILG nos seus máis de corenta anos de existencia e así seguirá sendo no futuro. 2. O Instituto da Lingua Galega séntese particularmente honrado de que varios dos seus membros fosen elixidos para formar parte da Academia. En calquera caso, cómpre aclarar que a súa participación nesta institución se realiza a título estritamente persoal e en ningún caso representando nin individual nin colectivamente o Instituto da Lingua Galega. 3. O Instituto da Lingua Galega manifestou no seu día de maneira pública a súa firme e argumentada oposición ao chamado "decreto do plurilingüismo", facendo seus “en todos os seus aspectos a análise elaborada pola Real Academia Galega”. Con esa adhesión, o ILG quería subliñar a súa lealdade e compromiso con esta institución, superando así as limitacións que lle veñen impostas pola súa condición de Instituto universitario, toda vez que, como é público e notorio, unha entidade destas características (do mesmo xeito que un Departamento ou unha Facultade) carece de personalidade xurídica propia e non pode acudir aos tribunais. En calquera caso, tampouco neste terreo o ILG mudou a súa posición nin, por suposto, promoveu ningún tipo de acción para orientar ou condicionar as decisións da RAG.
Finalmente, o Instituto da Lingua Galega desexa facer un chamamento a todas as institucións encargadas do estudo, defensa e promoción da lingua e da cultura galegas para colaboraren lealmente, cada unha no seu ámbito de competencia, colocando sempre por riba o servizo ao país, razón última da súa existencia.