COMUNICADO DAS TRES UNIVERSIDADES GALEGAS
Ante o comunicado feito público o pasado martes, 29 de decembro, pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria en relación ao financiamento universitario, os reitores das universidades galegas desexan manifestar publicamente o seguinte:
- O documento, lonxe de ser informativo, inclúe acusacións e valoracións que consideramos absolutamente improcedentes. Non é o momento, nin o estilo, nin o ton apropiados de quen debe dirixir e conciliar o Sistema Universitario de Galicia (SUG). Polo contrario, a nota feita pública pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria representa, na nosa opinión, a antítese do que debe ser un modelo de traballo e de responsabilidade a nivel universitario na nosa Comunidade Autónoma.
- Colectiva ou individualmente as universidades farán as oportunas aclaracións sobre os datos e afirmacións erróneas e confusas que se inclúen en dito comunicado.
- Por descontado, a Xunta de Galicia ten toda a lexitimidade para facer os recortes orzamentarios que considere oportunos no SUG, pero debe asumir con claridade as consecuencias desas decisións. En todos os sistemas universitarios do mundo hai unha correlación estreita entre financiamento e calidade. Non lle podemos pedir ás universidades máis e mellor formación, a súa internacionalización, a creación de novo coñecemento, desenvolvemento tecnolóxico e a súa transferencia, máis patentes, máis emprendemento... e ao mesmo tempo reducir o seu financiamento. Isto é confundir. Todos estes obxectivos necesitan máis recursos; e temos que dicilo con claridade ou enganamos á sociedade.
- O Sistema Universitario Galego (SUG) é un dos peor financiados do Estado, e perdeu claramente posicións na última década. Hai tempo que as universidades vimos demandando un novo Plan de Financiamento, ante a perda de vixencia do actual, a súa falta de adecuación ás múltiples responsabilidades universitarias e a non consideración de compromisos xa vixentes, como o Espazo Europeo de Educación Superior. Por iso, por responsabilidade, os reitores das universidades galegas non nos debemos retirar do debate orzamentario.
- Mentres non entre en vigor un novo Plan de Financiamento, demandamos do goberno galego un esforzo económico suficiente para que as nosas universidades non perdan oportunidades nin debiliten as súas capacidades docentes, de investigación e de transferencia de resultados, sobre todo ao tecido socioeconómico galego. Algo debera quedar claro no frontispicio desde debate: as universidades sufrimos dificultades financeiras que sinalan, sobre todo, un problema importante para o país e os seus gobernantes.
- Nun escenario constante de financiamento insuficiente, as universidades galegas vimos facendo esforzos importantes para suplir a falta de recursos, traballando desde a transparencia, o rendemento de contas e a profesionalidade, e o noso esforzo está sendo aínda maior por mor da crise económica que a todos nos afecta. Sen embargo, ignorar ou desatender sen máis as necesidades das universidades leva sen remisión a debilitar a súa eficacia como institucións imprescindibles e centrais nunha sociedade que aspira a ter unha maior calidade de vida e a situarse nas economías baseadas no coñecemento.
Galicia enteira debería esixir dos seus gobernantes e das súas universidades que traballen desde o diálogo e a cooperación, e máis no actual escenario económico, para aspirar a ter unha sociedade mellor e máis desenvolvida. Os responsables das tres universidades galegas así o cremos.