Ir o contido principal

A comunidade matemática española que traballa en Álxebra Computacional celebra o seu XII congreso en Santiago

O congreso desenvólvese na Facultade de matemáticas da USC
O congreso desenvólvese na Facultade de matemáticas da USC

A Facultade de Matemáticas está a ser a sede do XII Encontro de Álxebra Computacional e Aplicacións (EACA 2010) que ata o día 21 reúne á comunidade matemática española que traballa en Álxebra Computacional para que presenten os novos resultados e investigacións en curso. O encontro, no que participan 80 especialistas españois e europeos, está organizado conxuntamente polas Universidades de Santiago e A Coruña. A inauguración do congreso tivo lugar na facultade nun acto que presidiu o reitor Juan Casares Long e no que participaron tamén o seu homólogo da Coruña, José María Barja; o profesor da Universidade de Cantabria e coordinador da Rede EACA, Tomás Recio Muñiz; a vicedecana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Abal; e o profesor da Universidade da Coruña José Luis Freire Nistal, co organizador do encontro. Os Encontros de Álxebra Computacional e Aplicacións (EACA) comezaron en 1995 da man dos profesores Laureano González-Vega e Tomás Recio Muñiz, da Universidade de Cantabria. Ao longo dos últimos anos o grupo español que traballa nesta disciplina ampliouse e hoxe o Comité Científico dos EACA ten 14 membros e nel están representadas 12 universidades españolas. A edición do congreso deste ano, bianual dende 2004, está organizada conxuntamente polas Universidades da Coruña e Santiago. As actividades do Grupo Español de Álxebra Computacional (Rede Temática EACA) foron recoñecidas polo Ministerio de Educación e Ciencia mediante a concesión dunha Rede Temática de Cálculo Simbólico, Álxebra Computacional e Aplicacións, sendo Tomás Recio o investigador principal. Unha serie de traballos seleccionados presentados no Congreso serán convidados para a súa publicación na revista Computing, editada por Springer e que conta entres os seus editores co profesor Freire Nistal (UDC)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.07.2010.