Ir o contido principal

A comunidade matemática española que traballa en Álxebra Computacional reúnese a vindeira semana na USC

Inaugura o congreso este luns o reitor da USC acompañado do seu homólogo da Universidade da Coruña

A Facultade de Matemáticas será a sede a vindeira semana, do 19 ao 21 de xullo, do XII Encontro de Álxebra Computacional e Aplicacións (EACA 2010) que trata de reunir á comunidade matemática española que traballa en Álxebra Computacional para que presenten os novos resultados e investigacións en curso. A inauguración do congreso terá lugar ás 9:10 horas na facultade nun acto que preside o reitor Juan Casares Long e no que participan tamén o seu homólogo da Coruña, José María Barja; o profesor da Universidade de Cantabria e coordinador da Rede EACA, Tomás Recio Muñiz; a vicedecana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Abal; e o profesor José Luis Freire Nistal, co organizador do encontro.

Os Encontros de Álxebra Computacional e Aplicacións (EACA) comezaron en 1995. Ao longo dos últimos anos o grupo español que traballa nesta disciplina ampliouse e hoxe o Comité Científico dos EACA ten 14 membros e nel están representadas 12 universidades españolas. A edición do congreso deste ano está organizada conxuntamente polas Universidades da Coruña e Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2010.