A comunidade universitaria de Santiago e Lugo está invitada a participar nunha sondaxe de Universia en internet sobre investigación
A comunidade universitaria dos campus de Lugo e Santiago poden participar na consulta que desenvolve Universia para coñecer a súa opinión sobre a investigación e a transferencia de coñecemento nas institucións docentes que forman parte desta rede. A web http://participa.universiario2014.com/index/sondeos recolle cinco sondaxes dirixidas a todos os colectivos universitarios -estudantes, persoal docente e investigador, e persoal de administración e servizos-. Ata o 22 de abril poden opinar sobre o investimento en I+D+i; a dispoñibilidade de recursos humanos en investigación e a súa incorporación ao sistema produtivo; os programas de doutoramento e formación de investigadores; os resultados da actividade científica ou as redes de transferencia de coñecemento, entre outros temas. Os resultados desta consulta serán abordados III Encontro Internacional de Reitores Universia que se celebrará os días 28 e 29 de xullo en Río de Janeiro. A USC forma parte desta rede internacional que agrupa a 1.262 universidades de 23 países, con 14,3 millóns de alumnos e profesores. Esta iniciativa forma parte dunha serie de actividades coas que Universia promove a participación da comunidade universitaria e a sociedade en xeral no debate e no intercambio científico e cultural a través de Internet. Na web http://participa.universiario2014.com/debates ofrece a posibilidade de participar en debates, compartir casos de estudo, exemplos de boas prácticas, ou charlas de expertos, entre outros.