O CO(M)XÉNERO 5 reflexiona sobre a violencia sufrida polas mulleres e as súas prácticas de resistencia

O Seminario Permanente de Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO, arranca o mércores día 10 unha nova edición que se prolongará ate o xoves 11 na Facultade de Ciencias da Comunicación. Baixo título 'Recuperar a fala, recuperar a alma', pon o foco na violencia sufrida por mulleres e nas diversas prácticas de resistencia e autodefensa artelladas dende eidos tan diversos como a recuperación da lingua propia, a reapropiación de espazos e obxectos, ou mesmo dende a asunción da violencia como lexítima forma de defensa.
Organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC, con financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e co apoio de Xornalistas Galegas, está dirixido a estudantes de comunicación, persoal investigador, profesionais e, en xeral, a todas as persoas interesadas en abordar, dende unha lectura crítica, os medios e as industrias culturais e creativas.
Brigitte Vasallo, escritora e investigadora, inaugurará a xornada do mércores co seu relatorio 'Nós, que vimos de fóra. A fala na diáspora coma experiencia queer'. Nada en Cataluña dunha familia de Chandrexa de Queixa, Vasallo é docente no Mestrado de Xénero e Comunicación da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) e no Posgrao de Cultura de Paz da Universitat de Barcelona (UB). O mesmo mércores terá lugar a proxección do filme Una dedicatoria a lo bestia, dirixido polo colectivo de historiografía crítica nucbeade, que conforman Quiela Nuc e Andrea Beade. A peza pon en escena diversos obxectos atopados na sede do Padroado de Protección á Muller en San Fernando de Henares, que estivo en funcionamento desde 1944 ata 1985. Margarita Ledo, coordinadora do GEA, moderará o debate posterior.
A xornada do xoves inclúe dúas conferencias: 'Representación das mulleres no cinema das orixes: das traballadoras, emigrantes e prostituídas ás revolucionarias, terroristas e sufraxistas', de Mª Soliña Barreiro, investigadora e docente na Universidade de Santiago (USC). E 'Quen eran en realidade as bruxas? Unha aproximación dende a antropoloxía feminista', de Guadalupe Jiménez Esquinas, docente e investigadora da USC, e Rosalía Quiroga, graduada en Xornalismo e Comunicación Audiovisual pola mesma universidade.
O programa complétase cun obradoiro arredor do proxecto 'No nos veréis llorar', de Elena G. Fraj Herranz, investigadora e docente da Universitat de Barcelona (UB), que se impartirá durante os dous días e contará coa participación de Miguel Ángel Ramos, deseñador gráfico, ilustrador e realizador audiovisual.
O seminario xa esgotou as prazas presenciais dispoñibles pero as conferencias poderán seguirse en liña a través de TEAMS.