A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo visita as instalacións do edificio Emprendia

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, visitou este mércores 2 o Edificio Emprendia da USC en Campus Vida. A visita enmárcase na colaboración entre a USC e o Concello compostelá para aproveitar e reforzar as potencialidades da cidade en materia de investigación, transferencia de tecnoloxía, e emprendemento. A experiencia de colaboración entre ambas institucións ten posibilitado o apoio a un grupo de 25 empresas xurdidas do ámbito da investigación universitaria nos últimos dez anos, cun importe de facturación de máis de 16 millóns de euros e máis de 250 postos de traballo directos xerados.
O edificio Emprendia aglutina todos aqueles elementos que fan posible un ecosistema de innovación, transferencia e emprendemento na USC e no seu contorno económico e social. Neste edificio teñen posibilidade de instalarse e contar con apoio nas súas primeiras fases de desenvolvemento non só spin-off da Universidade de Santiago senón tamén proxectos de valorización de resultados investigación que teñan por obxectivo demostrar a viabilidade técnica e comercial dos mesmos, e facilitar a transferencia o sector empresarial.
Nesta instalacións tamén teñen cabida os departamentos de I+D de empresas con traxectoria de colaboración en I+D coa USC e alto contido innovador. En total, conta con 34 módulos de espazo en aluguer do que 16 son de laboratorio de 48 m2 e 18 son espazos tipo oficina de 38 m2.
Para facilitar a xeración e xestión deste tipo de proxectos innovadores, nel alóxanse tanto unidades propias da USC, como a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento(AVTE), xunto con outros axentes que percorren toda a cadea de valor do emprendemento, dende a xeración de ideas de negocio ata a súa expansión e internacionalización. En paralelo, Iniciativas como o programa Yuzz, Akademia ou o programa Argos xeran novos proxectos empresariais aos que a sociedade de inversión Unirisco Galicia pode dar soporte financeiro unha vez definidos os plans de negocio e conformados os equipos de traballo. Outros axentes como a Rede de Universidades RedEmprendia tamén contribúen dende Emprendia a facer deste entorno un ecosistema destacado para o xurdimento de novas iniciativas empresariais.
Todo este complexo ecosistema está xestionado e coordinado por Uninova, Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras que xorde no ano 1998 por iniciativa da USC e o Concello de Santiago de Compostela sendo unha das primeiras a incubadoras de empresas de ámbito tecnolóxico xurdidas en España.
A visita permitiu mostrar as distintas instalacións así como coñecer detalles do labor e servizos que ofrece Emprendia. Foto: Servimav-USC