Ir o contido principal

O Concello de Brión asume en exclusiva a dirección do portal Infobrion.com, unha iniciativa da USC

Infobrion.com comeza este mes de outubro unha nova andaina ao asumir en exclusiva a súa dirección o Concello de Brión. Este proxecto consolidouse ao longo destes anos como un portal de referencia non só para os veciños senón tamén no eido nacional e internacional do desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e da comunicación ao servizo dos cidadáns, orientadas a impulsar o desenvolvemento social, económico e cultural no municipio.
En 2002 InfoBrión.com nace como iniciativa do Grupo de Investigación Socio-Territorial GIS-T IDEGA da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Concello de Brión, o Centro de Educación Infantil e Primaria de Pedrouzos e o Instituto de Educación Secundaria de Viceso. Nesta nova etapa, que se inicia cunha serie de cambios no portal, o Concello farase cargo de dirixir e desenvolver o proxecto, no que quere seguir contando coa colaboración dos centros de ensino do municipio.
Péchase deste xeito un longo período de colaboración co Grupo de Investigación Socio-Territorial GIS-T IDEGA da Universidade de Santiago de Compostela, “enriquecedor e satisfactorio en todos os seus aspectos” como salientan os seus responsables. O traballo desenvolvido polos seus investigadores “puxo as bases e levantou os piares sobre os que se asenta un sólido proxecto” que agora asume o Concello de Brión.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2007.