Concepción González Bello, primeira muller recoñecida coa medalla Ignacio Ribas da Real Sociedade Española de Química

A profesora do Departamento de Química Orgánica da USC Concepción González Bello acaba de ser distinguida como a primeira muller que recibe a medalla Ignacio Ribas, concedida pola Real Sociedade Española de Química e que recoñece a súa traxectoria científica ascendente, destacando tanto a súa calidade como a súa proxección estatal e internacional. Este galardón foi creado hai máis de dez anos polo Grupo de Química Orgánica desta entidade coa intención de honrar a memoria do catedrático da USC Ignacio Ribas, recoñecido como o impulsor da química orgánica en Galicia grazas aos seus traballos na preparación de produtos naturais con relevantes propiedades farmacolóxicas a partir de especies vexetais autóctonas.
A investigación de González-Bello céntrase no desenvolvemento de novas terapias para o tratamento das infeccións causadas polos patóxenos resistentes a múltiples fármacos, xa sexa desactivando os mecanismos de comunicación entre células ou bloqueando a sofisticada maquinaria bacteriana para causar resistencia aos antibióticos. Ademais, as súas liñas de traballo inclúen estudos de simulación de biomacroméculas para comprender a plasticidade das proteínas ou o deseño de compostos baseado na estrutura, o movemento e o mecanismo de acción.
Resistencias
As investigacións do grupo dirixido pola profesora González Bello no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) afondan nas “superbacterias” ou bacterias resistentes a múltiples fármacos. A crise xerada pola COVID-19 recruou aínda máis este problema debido ao maior uso deste tipo de fármacos a nivel mundial. Aínda que os antibióticos non tratan virus como o SARS- CoV-2, os pacientes con COVID-19 vólvense moi susceptibles a contraer unha infección bacteriana secundaria, que só se pode tratar con antibióticos.
Os fármacos actuais perderon eficacia fronte ás superbacterias, xa que estas desenvolveron sofisticados e eficientes mecanismos que “evitan a súa acción”, sendo o máis importante a destrución do antibiótico antes de que chegue a matar a bacteria, tal e como sinala a profesora González Bello. Estes microorganismos son o “pesadelo” entre os pacientes hospitalizados cun débil sistema inmune e dificultan tamén o manexo das infeccións habituais en pacientes vulnerables sometidos a quimioterapia fronte ao cancro, diálise fronte á insuficiencia renal, implantación de dispositivos sanitarios ou cirurxía. Estímase que este tipo de patóxenos son responsables da morte de ao redor de 25.000 persoas en Europa cada ano.
Os investigadores da USC pretenden resolver este problema de dúas formas. A primeira consiste nunha terapia “sen antibióticos” creando unha situación similar ao tratamento cunha vacina, “desarmando a bacteria” e quitándolle a súa capacidade de causar infección, deixando que o sistema inmune a elimine do organismo. Como para que se desenvolva unha infección, as bacterias deben formar grupos que logran, comunicándose entre si, producir uns compostos químicos que actúan como “feromonas que atraen a outras bacterias”, evitar esta comunicación permite que as bacterias se manteñan illadas e non infecten.
A segunda estratexia que desenvolveron os investigadores da USC é o uso de “potenciadores dos antibióticos”, compostos que combinados co antibiótico potencian a súa acción xa que impiden que as bacterias os destrúan antes de actuar. Utilizan programas computacionais de simulación que lles permiten predicir e entender como funcionan as superbacterias, e así deseñan os compostos que poidan ser máis eficaces antes de preparalos no laboratorio. Estes investigadores lograron desenvolver compostos moi potentes que en pequenas doses logran paralizar o desenvolvemento da infección, mesmo fronte ás superbacterias máis perigosas.