O concepto de identidade, a análise nun encontro internacional en Filoloxía

Máis de cen especialistas de vinte e dous países reúnense ata o venres en Filoloxía para analizar de maneira exhaustiva o concepto da identidade e do papel que xogan as relacións entre linguaxe e sociedade na súa formación e expresión. Esta primeira conferencia internacional sobre o discurso da identidade está organizada polo grupo de investigación ‘Discourse and Identity’, que lidera o profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemaña Manuel Barbeito Varela. O reitor Juan Casares presidiu este mércores o acto inaugural, que continuou coa primeira sesión plenaria na que Ann Banfield, da Universidade de California (Berkeley), impartiu unha conferencia sobre a relación entre linguaxe e identidade nacional na obra de Samuel Beckett. Cun enfoque eminentemente multi e interdisciplinar estudaranse os procesos lingüísticos e outras estratexias sociais que permiten aos individuos e grupos “(re-) crearse a si mesmos”, apuntan os organizadores. Deste xeito, abordarase este tema dende as ramas da lingüística, a literatura, a socioloxía, a psicoloxía, a historia e os estudos de xénero. Os conferenciantes plenarios convidados son ademais de Ann Banfield os/as docentes Irma Taavitsainen (Universidade de Helsinki), Michael Toolan (Universidade de Birmingham), Ruth Wodak (Universidade de Lancaster) e Laura Alba-Juez (UNED, Spain). Coordina o encontro a profesora Teresa Sánchez, coa tamén docente de Filoloxía Laura Lojo na secretaría. Para máis información, está dispoñible a web http://www.usc.es/congresos/identity/index.html.