Ir o contido principal

O segundo concerto do Ciclo de Novos Intérpretes reúne no Paraninfo a Scarlatti, Beethoven, Schubert, Barrière, Popper, Rachmaninov e Gabrielli

Dous pianistas e un dúo de violoncellos daranse cita o próximo martes 27 no segundo concerto do Ciclo de Novos Intérpretes para executar pezas de Scarlatti, Beethoven, Schubert, Barrière, Popper, Rachmaninov e Gabrielli. No Paraninfo da Universidade a partir das 20.00 horas, a entrada será libre. Luka Hauser interpretará a primeira parte da actuación. Nado hai 17 anos no seo dunha familia de músicos na Coruña, comezou a estudar piano aos 5 anos de idade e dende entón xa foi galardoado con varios premios (Concurso Internacional Antón Garcia Abril e o Concurso Santa Cecilia da Fundación Don Juan de Borbón), así como seleccionado con outros sete pianistas de todo o mundo na súa categoría no Concurso Steinway & Sons. Luka Hauser interpretará unha sonata de Beethoven (a coñecida como Quasi una fantasia, un impromptu para piano de Schubert, dúas sonatas de Domenico Scarlatti e dous momentos musicais de Rachmaninov. Na segunda parte, será a quenda do Dúo Barrière, formado por dous violoncellistas da comarca do Deza. Milagros García Fuentes e Millán Abeledo Malheiro completaron a súa formación no Conservatorio Superior de Música de Aragón e, respectivamente, en Suíza e Alemaña. Ambos foron tamén membros da Joven Orquestra Nacional de España (JONDE). Actualmente, Milagros García Fuentes realiza o Curso Avanzado de Especialización Orquestal na Escola de Altos Estudos Musicais e Millán Abeledo Malheiro ocupa unha praza de violoncello na compostelá Real Filharmonía de Galicia. O Dúo Barrière interpretará tres obras para dúo de violoncellos de autores infrecuentemente interpretados como David Popper, Domenico Gabrielli e o compositor que da nome ao dúo, Jean Baptiste Barrière. E para rematar o concerto, actuará a pianista María Goretti Domínguez. Tras realizar o grao profesional no Conservatorio de Pontevedra, María Goretti Domínguez licenciouse con matrícula de honra e premio extraordinario fin de carreira no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde foi alumna de Nicasio Gradaille. Tras estudar en Praga con Frantisek Maly grazas a unha bolsa Erasmus, continúa agora a súa formación en Xenebra (Suíza) con Domenique Weber. María Goretti Domínguez interpretará a segunda sonata para piano de Ludwig van Beethoven. Como dende a súa primeira edición, o ciclo está especialmente dedicado aos máis novos e novas intérpretes galegos e residentes en Galicia para que comecen a adquirir a experiencia necesaria nun escenario ao tempo que tamén se achega a música ao público máis novo. Quince anos de historia e case cincocentos participantes avalan xa unha sólida traxectoria dunha convocatoria pensada en prol da difusión da música.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2015.