Ir o contido principal

Concerto do Cuarteto Novecento na Igrexa da Universidade

O Cuarteto Novecento interpretará este venres 9 obras de Juan Durán, Frank Bridge e Paul Hindemith nun concerto de entrada libre ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade. O cuarteto está formado polos violinistas Ildiko Oltai e Irina Gruia, a viola Ioana Ciobotaru e o violonchelista Millán Abeledo.

O Cuarteto de Corda de Juan Durán foi escrito en 2007 e estreado tanto na súa versión para cuarteto como para orquestra de cordas. Dividido en tres movementos, chama a atención a natureza de cada un deles ­un pasodobre, un blues e unha samba­­- dentro dun contexto académico en tanto que, formalmente, esta obra asume a estrutura e dimensión dun cuarteto clásico. O pasodobre está escrito dentro dun férreo molde de sonata, mentres que o blues asume un carácter de lied central e, finalmente, a samba funciona como un rondó vivo para terminar.

Pola súa banda, as tres pezas do Novelletten supoñen a primeira achega á música de cámara do británico Frank Bridge, unha das figuras sinaladas que tentaron devolverlle ao cuarteto de corda o lugar privilexiado no que o deixaba Beethoven anos atrás. As Novelletten compúxoas para poder presentarse á Cobbett Chamber Music Competition. Compóñense dun primeiro movemento, Andante Moderato, para pasar a unha especie de Scherzo, cun certo toque jazzístico, e renatar cun Allegro Vivo, con carácter de poderosa marcha, seguida por varias seccións canónicas. A pesar do estupendo resultado final das Tres Novelletten, un ano máis tarde compoñerá a Phantasie for string quartet, coa que finalmente decide presentarse ao concurso.

Por último, o repertorio contempla a parodia musical composta por Paul Hindemith en 1923 e estreada no mesmo ano polo Cuarteto Amar, ‘Minimax Repertorium für Militärorchester für Streichquartett’. O cuarteto está organizado en seis partes, sendo cada unha delas unha pequena broma musical. En Minimax, Hindemith mostra todas as calidades do temperán repertorio que escribiu na década dos anos 20. Sátira, enxeño e carácter reúnense nunha obra de formulación cómica, unha obra moi distendida para cordas que parodia toda a tradición do cuarteto clásico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2017.