Ir o contido principal

O Concerto 'Na memoria' abre o ciclo 'Entre lusco e fusco' de Lugo Cultural

Islabikini, Snail, Touben e Iván e Josito inauguran o luns este ciclo de concertos ao aire libre no Parque de Rosalía

O ciclo de concertos ao aire libre ‘Entre lusco e fusco’ que organiza Lugo Cultural comeza o vindeiro luns 9, co obxectivo de recuperar como espazo escénico as zonas do anfiteatro do Parque de Rosalía e o anfiteatro aberto da Deputación provincial situado no Campus.
Deste xeito, o luns ás 20:30 horas daranse cita no parque de Rosalía varios grupos lugueses compostos por universitarios e reunidos baixo o título xenérico do concerto ‘Na memoria’. Os asistentes poderán gozar da vangarda e experimentación da agrupación lucense Islabikini, e tamén intervirán nesta ocasión o sexteto coruñés de pop-rock Snail, a recentemente xurdida Touben, e Iván e Josito. Cos temas de creación propia interpretados polos diferentes grupos deste concerto editaranse cincocentos Cd.
Os concertos proseguirán durante o mes de xullo sendo, o martes 17 a quenda de Abraham Boba, tamén no Parque de Rosalía. Os xoves 19 e 26 as actuacións trasládanse ao Auditorio Aberto do Campus, onde intervirán o grupo Marful e Narf, quen pechará o ciclo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.07.2007.