Ir o contido principal

O concerto 'Música sen etiquetas' pecha o ciclo de encontros con universitarios na residencia Bal y Gay

Lugo Cultural organiza estas xornadas co fin de ampliar a oferta de lecer dos estudantes achegándolles diferentes experiencias artísticas

O guitarrista Saulo Sause e o baixista Chicho Magallanes ofrecerán este martes 25 ás 21:30 horas na Residencia Universitaria Bal y Gay de Lugo o concerto ‘Música sen etiquetas’.
Neste recital poderanse escoitar as pezas Concerto de Aranjuez de Mestre Rodrigo, En boas mans de Carles Benavent, School days de Stanley Clark, Nebulosa de Saulo Sause e O planeta dos simios de Chicho Magallanes.
Con esta actuación péchase o ciclo de encontros que este curso se desenvolveron na residencia universitaria ao amparo do convenio Lugo Cultural co fin de ampliar a oferta de lecer dos estudantes lugueses ao tempo que se lles ofrecía a posibilidade de achegarse ás experiencias de profesionais de diferentes campos artísticos, como a música, a danza ou o teatro.
Os músicosChicho Magallanes é profesor no Instituto de Música e Tecnoloxía de Madrid, unha filial do Instituto de Hollywood. Este diplomado en psicoloxía alternativa e musicoterapia estudou guitarra de jazz, fusión rock, baixo eléctrico, harmonía moderna, dirección de combo e ensamble rítmico. Ademais realizou cursos de improvisación moderna con Chema Vílchez, e másters e seminarios con Scott Henderson, Víctor Bailey, Hiram Bullock, Gary Willis e Dean Brown.
Ao longo da súa traxectoria profesional, Magallanes actuou en numerosos festivais e salas de jazz en España e Cuba gravou o disco ‘Festival de Amigos in Havana’ nos estudos do Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográfico.
Saulo Sause é músico, profesor de estudos musicais e técnico de son. Ás súas costas ten cinco anos de estudos de piano, dous de violín, tres de guitarra moderna e dez de guitarra, harmonía e improvisación.
Sause, que imparte clases de harmonía, improvisación, educación auditiva e ritmo, guitarra clásica e moderna, piano, percusión e outras actividades relacionadas coa expresión musical, ten demostrado o seu talento como intérprete e director en diferentes bandas de música moderna, como The Beat & Blues Ensemble, Lacón con Grelos Blues Band, Foley Project ou Insert Coin.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.05.2010.