Concerto de Nadal de Mans Unidas este venres na Igrexa universitaria da man do coro de cámara Si vis me canere
O coro de cámara Si vis me canere, dirixido por Mateo Iglesias Seoane, ofrece este venres 3 ás 20.00 horas na Igrexa da Universidade o Concerto de Nadal de Mans Unidas. Esta agrupación é o resultado da amizade entre os seus compoñentes, todos eles vencellados a distintas agrupacións corais galegas (Collegium Compostellanum, Madrigalia, Coro da orquestra Sinfónica de Galicia, Orfeón Terra a Nosa, etc.) e con instrumentistas de recoñecido prestixio. O seu repertorio, que amosa unha grande inquedanza pola permanente busca de novas pezas, abrangue todos os estilos dende o Medievo ata os nosos días. O grupo colabora dende hai anos con distintas ONGs da cidade –Mans Unidas, a Cociña Económica, Voluntarias de La Caridad de San Vicente de Paul ou o Albergue de San Francisco– ofrecendo concertos de balde co obxectivo de recadar fondos. Nesta ocasión actuarán as sopranos Isabel Pereiro Raposo, Olga Raíces Silva e Isabel Villoch Villoch; as contraltos Chelo Millán Varela e Adela Teresa Maroño; os tenores Javier Blanco Blanco e Luis López García; e os baixos Juan José Raíces Silva, Francisco Javier Iglesias López e Pablo Nieves.