Concerto da Orquestra da Universidade e a Escolanía este domingo na Catedral

A Orquestra da Universidade ofrece este domingo 29 ás 21:00 horas un concerto xunto co Coro da Escolanía da Catedral. Nel interpretarán diferentes obras para repertorio de voces brancas, ademais da obertura Coriolano de Beethoven e a Sinfonía nº 94 ‘A sorpresa’ de Haydn.
Esta é a segunda ocasión na que a Orquestra universitaria actúa na Catedral compostelá; foi en 2016 para celebrar o seu quinto aniversario e que tamén lle serviu para presentar a súa primeira publicación discográfica, ‘Un lustro de historia’. Hoxe a formación se consolida como un dos proxectos de música de mocidade e amateur de Galicia contando ata agora con máis de 500 mozos e mozas, a súa maioría universitarios.
O concerto do domingo quere reflectir un ano académico con moi diferentes achegas e proxectos, que comezaba en outubro co seu 1º Premio de Composición Amateur celebrando a estrea de tres obras gañadoras ex aequo dentro das Xornadas de Música Contemporánea de Santiago. Como vén sendo habitual, en decembro celebraba o Concerto de Nadal na Igrexa da Universidade con éxito de público sen precedentes. No pasado mes de marzo foi convidada por vez primeira a participar no ciclo de Lugares e Órganos organizado polo concello compostelán, asumindo un programa dedicado á música antiga.
Xa que logo, o recital na Catedral será o broche de ouro a un curso académico prolífico no a agrupación universitaria dirixida por Mario Diz e a catedralicia dirixida por José Luís Vázquez colaborarán por vez primeira con obras da talla de J. S. Bach (escolma da cantata nº4 Christ lag in Todesbanden), A pavana Op.50 de G. Fauré ou o Ave María de F. Ibáñez Irribarria.
Orquestra da Universidade A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, no seus inicios Orquestra do Espazo de Cámara, naceu co obxectivo de impulsar nos mozos e mozas universitarios e, por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural onde o eixo fundamental é a música.
Co patrocinio da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, o grupo que conforma a Orquestra procura de maneira prioritaria a formación musical dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música.
Dende o 2010 a Orquestra da Universidade participou en proxectos como o aniversario de Debussy co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor, interpretado pola solista Reyes Gómez especialmente convidada para este evento; o Concerto de Violonchelo de Haydn en Re maior, interpretado por Carlos G. Amigo; ou nos monográficos sobre Astor Piazzolla e sobre a música galega onde o solista Gregori Nedobora interpretou o concerto do violinista galego Manuel Quiroga. Na tempada 2014-15 interpretou xunto ao coro Vigués Gli Apassionati o Magnificat de J.S. Bach e o Gloria de Vivaldi.
En colaboración coa Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela realizaron unha versión do musical Sweeney Todd de Stephen Sondheim. Participou tamén nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela dende o seu inicio.
Incorporándose ao proxecto diversos profesores da Orquestra da Cidade, Real Filharmonía de Galicia, así como intérpretes relevantes do ámbito musical galego, a Orquestra da USC foi incluída recentemente na rede de Orquestras Universitarias Europeas, ENUO, onde participan máis de 28 nacionalidades.
Programa:
Obertura Coriolano Op. 62 L. Van Beethoven (1770 - 1827)
Cantata nº 4 Christ lag in Todesbanden J. S. Bach (1680 - 1750)
Versus II Den Tod niemand zwingen kunnt Versus III Jesus Christus Gottes Sohn
Sinfonía nº 94 Hob. I:94 «A Sorpresa» J. Haydn (1732-1809)
Ave María F. Ibáñez Irribarria (1951-)
Pavana Op. 50 G. Fauré (1845-1924)