Un concerto de percusión a cargo de Noé Rodrigo Gisbert pecha o luns o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ na Casa do Saber

O talentoso percusionista Noé Rodrigo Gisbert, recentemente galardoado co premio especial na European Union of Music Competitions for Youth (EMCY), pechará este luns 22 de maio, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, un programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da Deputación Provincial e do Concello de Lugo, ademais da USC.
Noé Rodrigo Gisbert ofrecerá na súa actuación un repertorio que inclúe unha gran diversidade de estilos e no que se atopan composicións de autores contemporáneos da talla de Kevin Volans, Vinko Globokar, José Álvarez o Arnold Marinissen, pezas ás que cómpre sumar outras de Asanga, Hamilton, Vallejo e Schwantner.
Noé Rodrigo Gisbert (Altea, 1992) foi seleccionado por un comité de expertos de recoñecido prestixio para participar no programa AIEnRUTa Clásicos. Contaba só oito anos cando iniciou a súa formación musical no Conservatorio Municipal Profesional da súa cidade natal onde obtivo as máximas cualificacións. Máis tarde completou os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Aragón (CSMA) e o pasado mes de xuño finalizou un Máster no Conservatorio de Ámsterdam con algúns dos mellores percusionistas do mundo como Peter Prommel, Mark Braaghart, Bence Major ou Arnold Marinissen, do que interpretará unha das súas composicións no concerto que se celebra no museo.
Como percusionista de orquestra é membro da Alumni-Orchester der Lucerne Festival Academy, ou o SOAP (Symphony Orquestra Academy of The Pacific) de Canadá, entre outras. Tamén colabora con orquestras como a Netherlands Philharmonisch Orkest ou a Royal Concertgebouw Orchestra de Ámsterdam.
Como solista, obtivo o primeiro premio no Concurso Permanente de Novos Intérpretes de Mocidades Musicais de España (2015) e un premio especial da European Union of Music Competitions for Youth (EMCY) pola súa interpretación nesta competición. Anteriormente, gañou o Concurso de interpretación Musical do Conservatorio de Altea en dúas ocasións (2007 e 2009) e obtivo unha Mención de Honra en 2009.
No ámbito da música de cámara e ensemble, foi membro da Academia para a Nova Música en Zaragoza ou a NJO Steve Reich Ensemble e actualmente é membro activo de MBira-dúo, The Score Collective Ensemble e colabora co Oerknal! Ensemble, Nieuw Amsterdams Peil, Slagwerk Dean Haag, Asko Schönberg Ensemble e New European Ensemble. Forma parte tamén da produción Young Performance Divamania, do Festival de Lucerna (Suíza).
Traballou con compositores contemporáneos como Steve Reich, Luís de Pablo, Antón García Abril, Jesús Torres, James Wood, ou Wolfgang Rhim. Recentemente estreou o primeiro só escrito especialmente para el, SHIFT-Fajrant! (percusión e electrónica), do compositor polaco afincado nos Estados Unidos Tomasz Arnold.