Ir o contido principal

Concerto en Rianxo da Orquestra do Espazo de Cámara da USC

Concerto en Rianxo da Orquestra do Espazo de Cámara da USC
Concerto en Rianxo da Orquestra do Espazo de Cámara da USC

Verdi, Bach, Beethoven e Bizet soarán este sábado 5 no Auditorio de Rianxo da man da Orquestra do Espazo de Cámara da USC que dirixe Mario Diz. O recital será ás 20.30 horas, con entrada libre ata completar o aforo.

A Orquestra do Espazo de Cámara naceu en 2010 co obxecto de impulsar na xuventude universitaria, e por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural que procura de maneira prioritaria a formación dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música. Dende 2010, a orquestra participou en numerosos proxectos como o aniversario de Debussy co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor, interpretado pola solista Reyes Gómez; o concerto de Violonchelo de Haydn en Re maior a cargo de Carlos G. Amigo; un monográfico sobre Astor Piazzolla e outro sobre a música galega.

Máis recentemente, a orquestra interpretou xunto ao coro Vigués Gli Apassionati o Magnificat de J.S. Bach e o Gloria de Vivaldi. Xa en colaboración coa Aula de Teatro da USC, a orquestra dirixida por Mario Diz realiza unha versión do musical ‘Sweeney Todd’, de Stephen Sondheim, co que este ano acadou os premios ao mellor espectáculo do festival de teatro de Covilhâ, o do público da MITEU de Ourense e ao mellor espectáculo no XVI-ias tarptautinis universitetu teatru forumas en Vilnius, Lituania. Participa tamén nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela dende o seu inicio xunto á Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia como unha das tres orquestras convidadas.

A Orquestra, un proxecto artístico ao que se incorporaron no tempo diversos profesores da Real Filharmonía de Galicia así como outros profesores relevantes do ámbito musical galego, foi recentemente incluída na rede de Orquestras Universitarias Europeas, ENUO, onde participan formacións de máis de 28 nacionalidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2016.