Concerto único da Orquestra Universitaria de Santiago de Compostela con membros da Real Filharmonía

A Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago fixo en 2010 unha aposta clara pola música de cámara ao integrar á comunidade universitaria con formación musical na Orquestra Universitaria de Santiago de Compostela. No proxecto, que se mantén permanente con ensaios semanais, séguese unha programación didáctica na que os seus corenta integrantes amplían a súa formación orquestral baixo a supervisión de Mario Diz. Na súa ansia por ampliar coñecementos e experiencias, os membros da Orquestra celebran esta fin de semana un encontro ao que se incorporan como docentes intérpretes de prestixio -algúns deles da Real Filharmonía de Galicia- e que culminará nun concerto o luns 12 ás 20.30 horas na Igrexa da Universidade. O programa do recital acolle obras de corda como a Impresión Nocturna de Andrés Gaos; unha música orixinal - Seis Danzas Gallegas- creada para o propio grupo por Mario Diz; a Pavana para unha infanta difunta de Ravel; e o concerto en Re Maior de Joseph Haydn, que a formación universitaria terá o privilexio de interpretar xunto co violonchelista de la Real Filharmonía de Galicia, Carlos García Amigo. No encontro e concerto resultante o alumnado e profesorado universitario que decidiu dar continuidade á súa destreza e paixón pola música clásica terá unha oportunidade única de compartir e empaparse das ensinanzas de profesionais como os violinistas Enrique Roca e Beatriz Junco, a viola Anne Slossmacher, o violonchelista Guillermo Alzugaray ou Alfredo Varela nos ventos.