Ir o contido principal

Concerto do violonchelo Fernando Santiago no ciclo Oculta Polifonía de Bach

Fernando Santiago
Fernando Santiago

O violonchelista galego Fernando Santiago ofrece este martes 22 un novo concerto do ciclo ‘ Oculta Polifonía’ das sonatas e partitas para violín e suites para violonchelo de Bach. O recital, de entrada libre, será ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade e nel interpretará concretamente as Suites n.º 1 en Sol maior BWV 1007 e a n.º 4 en Mi bemol maior BWV 1010.

As seis suites para violonchelo só de Johann Sebastian Bach son particularmente importantes dentro da literatura do violonchelo “xa que en tempos do compositor, o pa­pel deste instrumento na música era fundamentalmente o de acompañar, competindo o seu son máis incisivo e potente co das violas da gamba, moi en auxe aínda”, explica o coordinador do ciclo, o profesor da USC Javier Garbayo. “Con estas suites, Bach actualizou realmente a escritura violonchelística, ofrecéndolle en simultáneo un novo protagonismo nas súas obras orquestrais (concertos 3 e 6 de Brandemburgo)”, explica.

Fernando Santiago García (Bueu, 1989) estudou violonchelo no Real Conser­vatorio da Haia (Países Baixos) con Lucia Swarts, Dmitri Ferschtman e Anner Bylsma, onde se licenciou con honras. En 2014 trasláda­se a Xapón para continuar os seus estudos de violonchelo barroco con Hidemi Suzuki na Universidade das Artes de Tokio.

Colaborou con músicos como Lucy van Dael, Barthold Kuijken, Alfre­do Bernardini, Chiara Banchini, Vera Beths ou Emma Kirkby, así como coas orquestras Netherlands Bach Society, Handel Festival Japan, Divino Sospiro, Apollo Ensemble, a Barroca de Tenerife ou a Barroca Vigo 430, ofrecendo numerosos recitais en países como Xapón, España, Portugal, Francia, Italia, Alemaña, Suíza, Croacia, Hungría, República Checa, Polonia, Bélxica e Países Baixos.

Desde 2016 é profesor de violonchelo barroco na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo (ESMAE) do Porto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.05.2018.