Ir o contido principal

Un concerto das xaponesas Kiyoko Ohashi e Haruna Takebe, segunda cita das sonatas para violín e piano de Beethoven

Kiyoko Ohashi e Haruna Takebe
Kiyoko Ohashi e Haruna Takebe
O recital será o luns 4 ás 20.00 horas na Casa do Saber da Vicerreitoría do campus de Lugo da USC e nel interpretaranse as sonatas nº 3 e nº 7 do compositor alemán

A violinista Kiyoko Ohashi e a pianista Haruna Takebe ofrecen o luns 4 de febreiro, na Casa do Saber, da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo da UCS, a partir das 20.00 horas, o segundo dos concertos do ciclo ‘Sonatas para violín e piano de Beethoven’, no marco do que ata o mes de marzo se interpretarán as dez sonatas que para estes instrumentos compuxo Beethoven entre 1799 e 1812. As concertistas xaponesas presentan no seu recital a sonata nº 3 en Mi bemol maior e a sonata nº 7 en dó menor

O ciclo monográfico ‘Sonatas para Violín e Piano de Beethoven’ conta na parte interpretativa con solistas da Real Filharmonía de Galicia (á que pertence Kiyoko Ohashi desde 1999) e con destacadas alumnas da Escola de Altos Estudos Musicais. O programa dos catro concertos é responsabilidade do profesor de Historia da Música da USC, Javier Garbayo. Nas dúas citas que aínda restan deste ciclo, o día 28 de febreiro actuarán no mesmo escenario Nazaret Canosa, ao violín, e Vera Pavlova, ao piano, para interpretar as sonatas nº 1, nº 4 e nº 8. Asemade o vindeiro 19 de marzo o ciclo ‘Sonatas para violín e piano de Beethoven’, incluído no programa ‘Músicas a carón da Mosqueira 2013’ auspiciado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, clausúrase coa interpretación das sonatas nº 2, nº 5 e nº 10 nun concerto da violinista Beatriz Junco e a pianista Alicia González Permuy. A Casa do Saber da vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo acollerá todos os concertos nas datas sinaladas ás 20.00 horas. A entrada é libre de balde para todo o público interesado en gozar desta oferta musical ata completar o aforo, que é limitado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2013.