Seis concertos compoñen a nova edición do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira'

Representantes das institucións que conforman o proxecto Lugo Cultural presentaron este mércores a nova edición do ciclo de música clásica ‘Músicas a carón da Mosqueira’, que contempla seis recitais entre os que figuran dende concertos novidosos ata a conmemoración dos 80 anos do compositor e director galego Roxelio Groba, ou a presentación do novo disco do coro Solo Voces.
Na presentación estiveron presentes a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Concepción Burgo; o xerente territorial da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez; a responsable da Oficina de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde; e o músico Suso Vaamonde.
Os concertosO concerto inaugural deste ciclo de música será ‘A gaita vai á igrexa’, un recital de gaita e órgano de tubos que terá lugar o vindeiro luns 18 de xaneiro ás 20:30 horas na Igrexa Santiago A Nova. O programa interpretarano dous recoñecidos compositores e intérpretes galegos como son Suso Vaamonde e Ernesto Campos que recuperan espazos de incalculable valor cultural levando a música tradicional a auditorios tan singulares como as igrexas, as abadías ou as catedrais.
O programa de ‘Músicas a carón da Mosqueira’ continuará o día 22 de febreiro cun concerto de corda da man do Trío D,Anches; o 1 de marzo, cun recital de guitarra clásica con Juan Ignacio Rueda; o 12 de abril, cun concerto de corda do Cuarteto Álbeniz Prosegur; o 10 de xuño, coa actuación da Orquestra Rogelio Groba; e rematará o 13 de decembro coa presentación do novo disco do coro Solo Voces, un traballo que dedican integramente á cidade de Lugo facendo unha panorámica da música vocal composta na provincia nos dous últimos séculos.
Estes concertos, todos eles a cargo de artistas de grande experiencia e prestixio, terán lugar na sede da Fundación Caixa Galicia e no Salón Rexio do Círculo das Artes.
Apoio aos novos intérpretesUnha novidade da nova edición de ‘Músicas a carón da Mosqueira’ é a incorporación dunha actividade complementaria que pretende servir de apoio aos novos intérpretes lugueses que, a partires de febreiro, e cos seus diferentes conservatorios ou agrupacións, ofrecerán actuacións musicais de vinte minutos de duración os luns aos mediodías, ao redor das 14:00 horas, na vidreira da Facultade de Veterinaria. Nesta actividade participarán, entre outros, o Conservatorio Profesional de Música de Lugo, a Escola Privada de Música Cantarela, o Centro Autorizado Profesional de Música Galén, o Colexio de Música Profesional de Fingoi ou Fábrica de Sons.
‘Músicas a carón da Mosqueira’ complementa o programa musical de Lugo Cultural, que engloba tamén os ciclos ‘Lubicán’, que ofrece música de grupos galegos, ‘Entre lusco e fusco’, que persegue a recuperación de espazos escénicos, e ‘Sonscreativos’.
As persoas interesadas en obter máis información sobre este ciclo ou resto da programación de Lugo Cultural poden facelo a través da súa web www.lugocultural.es.