Ir o contido principal

Concertos no parque Rosalía serán as actividades de Lugo Cultural para o mes de xullo

Elvira Fidalgo, xunto a Sinesio Pérez (esquerda) e Antón Bao, na presentación do ciclo ‘Entre lusco e fusco’
Elvira Fidalgo, xunto a Sinesio Pérez (esquerda) e Antón Bao, na presentación do ciclo ‘Entre lusco e fusco’

O Convenio Lugo Cultural, que integra a Vicerreitoría de Cultura da USC, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e a Fundación Caixa Galicia, celebrará este verán unha nova edición do programa ‘Entre Lusco e Fusco’, co que se pretende recuperar paraxes naturais como espazo escénico para a música.
Na presentación do evento estiveron presentes a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo; o xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez; e o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Antón Bao.
Os concertos terán lugar no anfiteatro do Parque Rosalía de Castro. Serán un total de tres actuacións que se celebrarán no mes de xullo e que combinarán diferentes estilos. O primeiro será o próximo mércores 15 a cargo de Christina Rosenvinge.
Seguirá o día 22 a actuación de Oh Trío, con Germán Díaz, Antonio Bravo e Diego Martín; o 29 actuará Nordestin@s, con Guadi Galego, Ugia Pedreira e Abe Rábade. Todos os concertos, de entrada libre e gratuíta, serán ás 21:00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.07.2009.