Ir o contido principal

“A conciliación dificulta a carreira investigadora da muller”, di Xoana Pintos Barral no ciclo ‘Destacando na ciencia’

De esquerda a dereita, Xoana Pintos Barral, Esther Olveira, Olga López e Teresa Rodríguez, na Casa do Saber de Lugo
De esquerda a dereita, Xoana Pintos Barral, Esther Olveira, Olga López e Teresa Rodríguez, na Casa do Saber de Lugo
A bióloga compostelá abre na Casa do Saber de Lugo o programa de divulgación científica promovido polo IV Ciclo da USC para achegar a I+D ás persoas maiores e que terá continuidade o 1 de abril e o 2 de maio en Compostela con cadansúa charla a cargo do cardiólogo Carlos González Juanatey e do historiador Ramón Villares Paz
Lugo, Santiago de Compostela

. A bióloga compostelá Xoana Pintos Barral abriu este venres en Lugo o ciclo de divulgación científica ‘Destacando na ciencia 2022’, unha iniciativa promovida polo IV Ciclo da USC co obxecto de dar a coñecer a investigación que se está a desenvolver na institución universitaria, ademais de achegar ao público maior de 50 anos a investigadores e investigadoras de recoñecido prestixio, segundo indicou a coordinadora do IV Ciclo da USC, María Esther Olveira Olveira.

Acompañada da concelleira de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores do Concello de Lugo, Olga López Racamonde, cuxo departamento apoia cunha achega de 1.500 euros “un programa que agardamos teña continuidade en Lugo”, subliñou, Xoana Pintos Barral fixo na súa intervención unha exposición sobre as múltiples achegas e contribucións realizadas polas investigadoras ao longo da historia.

“Sempre houbo mulleres científicas. Antes, agora e tamén as haberá no futuro”, salientou Pintos Barral, para logo debullar algunhas das chaves que aínda hoxe restan visbilidade á pegada científica das mulleres. Nesta viaxe diacrónica sobre a relación entre muller e ciencia, Pintos Barral demandou máis visibilidade para o labor que desenvolven as científicas, tanto dentro como fóra da USC, ao tempo que apuntou “a conciliación como un dos principais problemas que aínda hoxe dificulta a carreira científica de moitas mulleres”.

O programa de divulgación científica ‘Destacando na ciencia 2022’, un ciclo gratuíto e aberto a participación de toda a cidadanía, terá continuidade os días 1 de abril e 2 de maio en Compostela con dous novos relatorios a cargo do cardiólogo Carlos González Juanatey e do catedrático da USC e académico Ramón Villares Paz.

O xefe do Servizo de Cardioloxía do HULA disertará no marco deste programa sobre a investigación no ámbito da cardioloxía que se desenvolve no Hospital Universitario Lucus Augusti, mentres que o historiador Villares Paz tratará na súa intervención o exilio republicano e o tránsito cara a democracia en España.

O relatorio de apertura do ciclo ‘Destacando na ciencia 2022’ citou na Casa do Saber de Lugo preto de medio centenar de estudantes do IV Ciclo da USC no Campus de Lugo. A coordinadora deste programa de formación sénior na sede universitaria luguesa, a tamén profesora na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, Teresa Rodríguez, aproveitou este encontro co alumnado para informar de que as persoas interesadas en asistir ás dúas próximas conferencias poden formalizar xa a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico ivciclo [at] usc.es (ivciclo[at]usc[dot]es) ou no teléfono 881 814 588.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2022.